Galicia, maior porcentaxe de persoas con dependencia recoñecida atendidas
Fabiola García explicou que desde o 2009, a Xunta multiplicou por catro o número de dependentes atendidos, de 15.000 a máis de 65.400. Este incremento é grazas a duplicar a oferta de prazas sostidas con fondos públicos en residencias de maiores ao pasar de 5500 a 13.000; pola creación das casas do maior, que acadarán as 120 ao rematar o ano ou ao reforzo do Servizo de Axuda no Fogar, programa Xantar na Casas e a teleasistencia.
Así mesmo, a conselleira recordou que o Goberno galego seguirá reforzando estes servizos ao poñer en marcha un Plan de Choque en dependencia, que reducirá á metade os tempos de agarda, diminuirá á metade o número de folios que se teñan que cubrir e permitirá levar máis axudas e máis servizos de dependencia aos galegos.
Ademais, subliñou que Galicia destina 430 millóns de euros na atención á dependencia e dous terzos da factura total seguen correndo por conta da Xunta de Galicia. Fabiola García recordou que para cumprir a Lei de dependencia o Goberno central ten que investir 150 millóns de euros máis cada ano do que fai hoxe. A débeda pendente con Galicia desde o 2009 xa supera os 1000 millóns de euros.