Galicia, Castela e León, Asturias e Cantabria recorrerán no Tribunal Supremo a orde do Goberno central de inclusión do lobo na Listaxe de protección especial

Os conselleiros apuntan ao “desprezo” do Goberno central “fronte ás numerosas chamadas ao consenso” durante todos estes meses, nos que non obtiveron resposta con argumentos científicos e técnicos aos reiterados informes remitidos.

Galicia, Castela e León, Asturias e Cantabria, as catro comunidades onde habita o 95% de exemplares de lobo ibérico de España, anunciaron hoxe nunha rolda de prensa conxunta que recorrerán no Tribunal Supremo a orde do Goberno central de inclusión desta especie na Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial (Lesrpe), sempre e cando o Executivo estatal non dea marcha atrás

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez; o conselleiro de Fomento e Medio Ambiente de Castela e León, Juan Carlos Suárez-Quiñones; o conselleiro de Medio Rural e Cohesión Territorial de Asturias, Alejandro Calvo; e o conselleiro de Desenvolvemento Rural, Gandería, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente de Cantabria, Guillermo Blanco, así como as organizacións profesionais agrarias nacionais —Asaja, COAG e UPA— reuníronse esta mañá en León para tratar sobre a decisión do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico de incluír o lobo na Lesrpe.

Os representantes autonómicos solicitaron a retirada “inmediata” da orde do Executivo central, anunciada o mércores por sorpresa, e tamén pediron a constitución dunha mesa de traballo na que se debata “todo, sen ningunha liña vermella e sen ningunha predisposición, como foi o anuncio da semana pasada”. Na mesa demandan que estean representadas as comunidades, as organizacións agrarias e non só o Ministerios para a Transición Ecolóxica, senón tamén o de Agricultura, Pesca e Alimentación, así como outras entidades que se estimen procedentes.

Este grupo debería encargarse, dixeron, de actualizar o censo nacional do lobo e tamén de traballar nunha renovación da Estratexia de conservación e xestión, cun consenso “inevitable e indispensable”, non como o Goberno central está a facer nestes momentos.

Non obstante, se a mediados do mes de xuño non hai unha retirada do proxecto de orde ministerial e non hai unha chamada do Ministerio a ese diálogo tan solicitado, as comunidades lobeiras avanzaron que elaborarán en conxunto a súa propia Estratexia, que será trasladada tanto ao Estado como ao resto de comunidades para a súa consideración, tendo en conta a súa experiencia coa especie. Esta ferramenta basearase, detallaron, nun censo nacional previo e actualizado de toda a poboación que tamén elaborarán.

Pero se esta proposta non é admitida, e a orde estatal acaba publicándose, os representantes autonómicos anunciaron que presentarán, como última medida inevitable, un recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Supremo para pedir medidas cautelarísimas de suspensión da orde, co fin de paralizar a súa eficacia ata o pronunciamento final da xustiza.

INDENIZACIÓNS A CARGO DO MINISTERIO

Por outra banda, as catro comunidades non entenden como o texto do Goberno sinala que a decisión “non suporá o incremento dos recursos económicos dispoñibles pola Administración Xeral do Estado”, unha afirmación que falta á verdade. De feito, entenden que, a partir do momento da publicación, o Ministerio tería que facerse cargo de todas as indemnizacións e compensacións derivadas dos danos que produza a especie, ademais das actuacións preventivas —ata o de agora soportadas exclusivamente por elas-.

Por poñer un exemplo, Galicia deu axudas por un total de 5 millóns de euros desde 2015 entre a prevención de danos ocasionados por fauna silvestre e o paliamento dos danos ocasionados polo lobo. De feito, segundo expuxo Ángelez Vázquez, desde ese 2015 dobrouse practicamente o número de avisos, con preto de 618 en 2015 e máis de 1.300 en 2020, para un total de case 1.000 reses máis afectadas nese período —de 1.430 a 2.380—.

Ademais, a Comunidade galega xa conta desde 2009 cun Plan de xestión que fixo aumentar as manadas das 60 contabilizadas en 2003 ás 90 de 2015; “unha cifra que segue aumentando, como demostra o incremento de danos dos últimos anos”, dixo.

Ademais, Ángeles Vázquez lembrou que Galicia acaba de adxudicar o contrato para a actualización do estudo poboacional do lobo, un traballo sobre 29.000 km2 que se levará a cabo ata outubro de xeito similar ao realizado no anos 2013 e 2015, no que se estimou a existencia das devanditas 90 manadas.

DESLEALTADE INSTITUCIONAL

Durante a rolda de prensa, os representantes autonómicos tamén quixeron deixar clara a “deslealdade institucional” do Goberno central nos últimos meses, culminada a semana pasado co envío do borrador da orde menos de vinte catro horas antes de que se abrira o período de información pública xeral.

Un “desprezo”, segundo o cualificaron, “fronte ás numerosas chamadas ao consenso” durante todos estes meses, nos que non obtiveron resposta con argumentos científicos e técnicos aos reiterados escritos e informes remitidos, así como tampouco ás alegacións.

Deste xeito, deixan claro que non van subscribir nin aplicar a nova estratexia de xestión da especie proposta polo Goberno central, que vén a substituír a un documento aprobado en 2005 e que, como lembran, nese momento si contou co consenso de todas as autonomías e grazas a iso está plenamente vixente.

Ademais, os conselleiros apuntaron que o comité científico do Estado recoñece que para elaborar a orde non puido empregar “criterios obxectivos” e que os que usaron “non deixan de ser moi subxectivos”, o que “pode dar lugar a inconsistencias no Lesrpe”, di o seu texto. Así, referíronse aos valores ecolóxicos e culturais expostos polo Goberno, que non xustifican unha protección particular do lobo pola súa singularidade, rareza ou grao de ameaza, precisamente o que esixe a lei.

Por iso, os conselleiros non comprenden que se lles trate de impoñer un modelo de maior protección da especie precisamente nos territorios nos que é máis abundante e contra o criterio avalado con datos dos responsables da súa xestión nestas zonas.

ORGANIZACIÓNS AGRARIAS

Por último, en presenza das principais organizacións agrarias, que valoraron “moi positivamente o encontro”, os representantes autonómicos lanzaron unha mensaxe de apoio incondicional á gandería extensiva e ao resto da biodiversidade, fundamental na economía das zonas rurais, e que precisa dun modelo de coexistencia baseado na redución de danos e a xusta indemnización cando estes se produzan.

Cómpre lembrar que o Executivo central tamén ignorou o pronunciamento en contra dos parlamentos rexionais, ademais da carta aberta en apoio a unha xestión do lobo baseada no respecto ao mundo rural, o consenso social e a coexistencia, que apoiaron once autonomías —as catro presentes hoxe, País Vasco, Aragón, Madrid, Murcia, Andalucía, Navarra e a cidade autónoma de Ceuta—, organizacións agrarias, concellos ou colexios profesionais, entre outras entidades.