O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, amosou hoxe o seu optimismo ante a receptividade do presidente do Executivo central, Pedro Sánchez, aos proxectos galegos que optan aos fondos europeos Next Generation.
Durante a xuntanza mantida hoxe, no Palacio da Moncloa, Feijóo trasladou todo o traballo feito pola Comunidade, con especial fincapé nos proxectos tractores que xa se coñecen, relacionados coa construción dunha planta de produción de fibras téxtiles; coa posta en marcha dunha planta de economía circular para a xestión de residuos orgánicos; co impulso do polo aeroespacial de Galicia; co proxecto da automoción galega; e coa fabricación de vacinas nos laboratorios Zendal. “En definitiva, estamos a falar duns proxectos que suporán uns 17.000 novos postos de traballo”, aseverou.
“Ao presidente o que lle pedín é obxectividade no reparto dos fondos, concorrencia competitiva nos proxectos e el aseguroume que vai haber esa concorrencia competitiva nos proxectos dos fondos Next Generation”, sentenciou.
PROXECTODESCRICIÓN INVERSIÓN (M€) EMPREGO Planta de produción de fibras Xestión sostible dos montes galegos para a produción de fibras celulósicas 1.140 9.700 Planta de Economía circular Aproveitamento de residuos orgánicos na produción de biogás, CO2 industrial e fertilizantes, así como para o tratamento e valorización doutros residuos. 500 5.000 Polo Aeroespacial de Galicia 2025 Consolidación do CIAR como o epicentro da I+D en UAVs en Europa e creación de tecido industrial en torno ao sector 600 700 AUTOANCORA Desenvolvemento de procesos de fabricación e produtos limpos, intelixentes e sostibles. 1.300 912 ZENDAL Fabricación de vacinas contra a covid e a tuberculose 111 1.400 TOTAL 3.651 17.712
Se ben valorou a resposta da UE, a través dos fondos Next Generation, e do propio Goberno, cos complementos adicionais ao sistema de financiamento autonómico, Alberto Núñez Feijóo expuxo tamén o gran esforzo orzamentario que as comunidades están facendo ante a pandemia.
Ao respecto incidiu en que o diñeiro dos fondos ás comunidades se reparta cun criterio coñecido: “Trasladei a necesidade de ponderar este reparto e de non romper o sistema de financiamento que temos”, abundou, recordando, ademais, que “moitas comunidades tivemos que denunciar o impago do IVE e tamén os incumprimentos dos convenios que tiñamos as que estabamos dentro da estabilidade orzamentaria”.
AP-9 E AVE
Durante a xuntanza, centrada especialmente na xestión da pandemia e nas súas consecuencias sociais e económicas, ambos abordaron outros asuntos prioritarios para Galicia.
Así, en materia de infraestruturas, Feijóo valorou o compromiso do presidente do Goberno coa AP-9, en relación coa baixada de peaxes con cargo a unha partida de 50 millóns de euros, incluída nos orzamentos do Estado.
E tamén plantexou o levantamento da peaxe entre Vigo e Redondela, “comprometida desde fai moito tempo”, lembrou, e insistiu na transferencia desta infraestrutura á comunidade autónoma. Ao respecto, o presidente do Goberno trasladoume que esa é unha unanimidade dos grupos parlamentarios e, polo tanto, entende que así debe facerse”, matizou.
No tocante ao AVE a Madrid, Feijóo destacou o compromiso de Pedro Sánchez de que “o AVE a Galicia estea en servizo no segundo semestre do 2021”. E, a maiores, tamén abordaron a necesidade de levar a cabo o acceso ao porto exterior da Coruña e a saída Sur de Vigo, “dúas infraestruturas estratéxicas” para o Corredor Atlántico de mercadorías; así como de retomar o AVE Lugo-Ourense, que acumula grandes atrasos.
TAXA DE REPOSICIÓN
Entre as cuestións relativas á pandemia, o responsable do Executivo galego propuxo que se valore e reconsidere a taxa de reposición nas ofertas públicas de emprego, cando menos no ámbito sanitario. “É o mínimo que podemos facer polos profesionais da saúde”, engadiu, resaltando a disposición do presidente do Goberno de avaliar esta cuestión no ámbito do Consello Interterritorial.
Por outra banda, trasladou a posibilidade legal de ampliar o toque de queda naqueles concellos ou áreas de saúde cunha incidencia pandémica moi elevada. “Incluso o confinamento domiciliario en concellos concretos, cunha incidencia do virus moi elevada debería ser un instrumento a disposición das autoridades delegadas, é dicir, dos presidentes autonómicos”, precisou.
Así mesmo, avogou por un acordo no Consello Interterritorial para contar cun criterio homoxéneo sobre o uso das máscaras FFP2, “ben sexa como recomendación ou excepcionalmente obrigatorio nalgúns casos concretos”.
En relación ás vacinas, insistiu na importancia de concretar un calendario vacinal para toda España, así como en que o reparto das doses se estableza en función da poboación diana que corresponda en cada momento. E fixo fincapé na idoneidade de contar cunha Lei da pandemia.
Por outra banda, o titular da Xunta expresou o desexo de que a crise industrial que está a padecer Galicia, como consecuencia da transición enerxética, “non a paguen os que non teñen ningunha responsabilidade”. Así, avogou por buscar solucións para As Pontes; a venda de Alcoa a un novo dono que active a única planta de aluminio primario en España; solucionar o problema de Ence e manter a industria, “porque non estamos no momento de destruír postos de traballo”, dixo, referíndose tamén á situación de Meirama.
“Estamos de acordo coa transición enerxética, pero ten que ser xusta e ordenada”, engadiu, valorando a disposición do presidente do Goberno sobre estas cuestións.
Así mesmo, Feijóo pediu a implicación do Goberno coa comarca de Ferrolterra, ante a necesaria carga de traballo para o estaleiro de Navantia ata que comece a construción das fragatas F-110, co encargo dun buque de aprovisionamento; e a aprobación da construción do dique seco, para garantir a transformación a un estaleiro 4.0.