O eurodeputado socialista Nicolás González Casares sinalou no Pleno do Parlamento Europeo que “a proposta anunciada este martes pola Comisión Europea para reducir os beneficios extraordinarios das eléctricas segue a iniciativa que adoptou España o pasado mes de setembro para facer fronte á alza de prezos da enerxía”. “España reclamou medidas coordinadas a nivel europeo e tomou a dianteira cunha medida que hoxe se demostra que era moi necesaria”, dixo.
Para o eurodeputado, “trátase dun bo punto de partida”, pero apuntou que “é necesario ir máis aló do ámbito fiscal” e “desvincular a volatilidade dos prezos do gas da formación do prezo da electricidade, mediante un prezo máximo á electricidade xerada con gas natural”.
González Casares, que é membro da Comisión de Industria e Enerxía da Eurocámara, subliñou que a proposta do executivo comunitario “é de clara inspiración española”, con medidas sobre a compra conxunta de gas e a regulación para asegurar un limiar mínimo de almacenamento de gas ao 90% para outubro.
O eurodeputado avogou por un despregamento máis ambicioso das enerxías renovables, “esenciais para mellorar a independencia e seguridade enerxética”, e pediu reforzar os instrumentos que permitan o seu despregamento, fomentando acordos anticipados de compra de enerxía (PPAs), aumentando obxectivos e simplificando os trámites administrativos.