A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, animaron este sábado aos galegos a restaurar os hábitos diarios e individuais que camiñen na mellora da xestión dos residuos e na redución do consumo dos recursos naturais, co fin de evitar impactos que deterioren os ecosistemas e o futuro do planeta.
Ambas conselleiras fixeron este chamamento durante a súa visita a un obradoiro de reciclaxe, organizado en Ribeira co gallo do Día Mundial de Medio Ambiente. Alí sinalaron que é importante que as persoas, desde as idades máis temperás, tomen conciencia da importancia de asumir condutas máis respectuosas co medio e que garantan un desenvolvemento sustentable.
Nesta liña, Ángeles Vázquez salientou que a sociedade está conectada ineludiblemente co medio ambiente, polo que é necesario usar con responsabilidade os recursos naturais dispoñibles, xa que do contrario as repercusións das accións humanas sobre a súa contorna serán inmediatas.
Explicou que este ano se pon o foco nos ecosistemas, que son moi diversos tanto pola súa natureza —desde un grao de area ata un río— como polo seu tamaño —desde unha praia ata o propio planeta—, e que teñen funcións moi necesarias, pois regulan o clima, fan que o aire sexa respirable, dannos auga e alimento e son o fogar de milleiros de especies. Sobre isto, subliñou que os datos rexistrados o ano pasado pola rede de calidade do aire de Galicia cumpriron todos os requisitos fixados.
“Aínda que cada 5 de xuño celebramos o Día Mundial do Medio Ambiente, non nos podemos esquecer de que o máis importante é o que facemos cada un de nós os 365 días do ano”, incidiu.
Paso importante para a candidatura da Ribeira Sacra a Reserva da Biosfera
Por outra banda, precisamente nesta xornada de celebración, Ángeles Vázquez anunciou que a Xunta acaba de coñecer que o Consello Consultivo Internacional para as Reservas da Biosfera trasladou o preceptivo informe favorable ao Consello Internacional de Coordinación do Programa MaB sobre a candidatura da Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel, o que vén dicir que o órgano consultivo da Unesco recomenda que se aprobe a proposta presentada pola Xunta.
Deste xeito, a candidatura da Ribeira Sacra dá o último e importante paso no camiño cara ao pronunciamento do devandito Consello Internacional, que terá lugar a finais deste verán, cando se darán a coñecer oficialmente as novas reservas da biosfera.
SUSTENTABILIDADE DO MEDIO MARIÑO
Pola súa parte, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou os avances que se produciron en relación á sustentabilidade do mar e á extracción de recursos mariños. Neste sentido, salientou o labor dos profesionais do mar que se reflicte en feitos como que o 99% das cantidades de recursos mariños desembarcadas na Unión Europea procedentes do Atlántico están en límites sustentables.
Tamén puxo de relevo a necesidade de manter o equilibrio dos ámbitos ambiental, económico e social das actividades marítimo-pesqueiras e apelou a seguir traballando neste aspecto para manter os ecosistemas e os recursos mariños. Neste camiño cara a sustentabilidade puxo como exemplo o traballo do alumnado do Colexio Sagrado Corazón de Jesús de Castiñeiras —presente no acto—, co que reducen e reutilizan os residuos mariños, transformándoos en recursos útiles.
O obradoiro de reciclaxe desenvolveuse na contorna da praia de Castiñeiras, a escasos quilómetros do Parque Natural Dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán, cuxo Plan reitor de usos e xestión (PRUX) foi aprobado o pasado 26 de maio pola Xunta, en base ao obxectivo do Goberno galego garantir a dinámica dos ecosistemas e dos hábitats naturais de toda a Comunidade.
Na actividade polo Día Mundial do Medio Ambiente, ademais das conselleiras, interviñeron Sabela, alumna do colexio de Castiñeiras; Antonio Veiras, axente medioambiental do Distrito IV-Noia; e o alcalde anfitrión, Manuel Ruiz.