sábado. 23.11.2024

A conselleira de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, María Jesús Lorenzana, inaugurou esta mañá o III Congreso Medios de Comunicación e Igualdade da Asociación de Periodistas de Galicia (APG), que ten lugar durante esta xornada no hotel Puerta del Camino de Santiago de Compostela.

Lorenzana afirmou na súa intervención que é necesario “fomentar un cambio de actitude” no eido da igualdade e a violencia de xénero para “non trivializar ou incitar calquera tipo de violencia contra as mulleres”. “A ruptura do silencio”, sinalou, “axuda a romper coa impunidade e a crear conciencia”.  

Segundo a conselleira, “para acadar o obxectivo dunha imaxe igualitaria resulta imprescindible a formación e a sensibilización dos profesionais, ademáis de contar coa complicidade das persoas directamente involucradas na comunicación e na publicidade”.   

A presidenta da APG, María Méndez, polo súa banda, subliñou na apertura do Congreso que os representantes dos medios de comunicación son os que contrúen, “coas súas achegas”, o relato final deste Congreso. “A súa xenerosa resposta, que desde a APG non deixaremos de gabar”, dixo, “reflicte xa de seu a aposta que veñen realizando os profesionais e as empresas do sector por avanzar cara á plena igualdade de xénero”.

Posteriormente intervíu Elizabeth Werner, presidenta do Grupo de Traballo sobre Igualdade e vicesecretaria xeral da Comisión Europea, quen incidíu nomeadamente na necesidade de frenar a violencia de xénero dixital. Ademáis, anunciou que a Comisión Europea proporá unha Directiva para asegurar que os estados membros da UE teñen adoptado medidas contra a violencia de xénero e desenvolverán unha rede para a prevención e o intercambio de boas prácticas.

Xunto a iso, Werner avanzou que a Comisión está a preparar unha campaña de comunicación centrada na mocidade no plano internacional e reclamou a axuda dos medios de comunicación e os xornalistas para difundir o labor da Comisión. “Os medios son fiestras para o mundo”, concluíu, “e vostedes son tamén os multiplicadores da nosa mensaxe. Necesitamos aos medios de comunicación”.

Outra das ponentes da mañá foi a xornalista e profesora da Universitat Oberta de Catalunya Ana Bernal Triviño que reclamou medidas máis contundentes para evitar os contidos sexistas nas canles de televisión e asegurou que, debido á educación que recibimos, “a sociedade non sabe de xénero”. “Se soubera de xénero”, engadíu, “a reportaxe de Rocío Carrasco non tería tanta repercusión”.

Bernal desmontou o pensamento negacionista da violencia de xénero que existe en parte da sociedade, que segundo ela, “artella o seu discurso a través dos bulos” ou a través de argumentos falsos que difunden os mass media ou as redes sociais, e que son lexitimados políticamente. Tamén subliñou o papel que desempeñan os medios de comunicación como pilar básico na loita contra a violencia xénero, porque “a palabra e o relato constrúen realidades e estructuras sociais” e porque “se informan mal, non se entende”.

Por último Ana Tardón, xuíza da Audiencia Nacional, afirmou que agora “estamos asistindo a agresións que non teñen que ver coa realidade social que temos en España e, ademáis, en moitos casos a través desa novidosa fórmula que é a violencia dixital, moi difícil de ataxar”. “Neses casos pouco podemos facer máis aló de denunciar”, dixo, “polo que teremos que implicarnos todos moito máis na educación e na concienciación da sociedade”. “Desde os poderes públicos temos que despregar todos os recursos necesarios para axudar e apoiar ás vítimas”.

Na sesión de tarde do Congreso intervirán a xornalista afgana do “Brussels Morning” Lailuma Sadid e a doutora en Socioloxía pola Universidade de Vigo Silvia Pérez Freire.

Lorenzana: "Para acadar o obxectivo dunha imaxe igualitaria resulta imprescindible a...