A Xunta logrou hoxe o compromiso do Goberno central de que haberá un plan turístico nacional do Xacobeo que será aprobado antes do verán, tal e como confirmou hoxe o secretario do Estado de Turismo, Fernando Valdés, nunha reunión que mantivo por videoconferencia co vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda.
Nese documento deberán concretarse os prazos e os orzamentos cos que o Estado contribuirá para a organización do Xacobeo, tanto neste ano como no 2022. No encontro telemático, no que estivo presente tamén a directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, Alfonso Rueda reiterou ante Fernando Valdés as reivindicacións que o Goberno galego vén facendo ao Executivo central para que se involucre na organización do dobre Ano Santo, con propostas concretas e partidas orzamentarias tanto para os eventos internos que se pretenden facer este ano, cando as circunstancias sanitarias o permitan, como para a proxección internacional que se lle espera dar ao Xacobeo no 2022.
Alfonso Rueda recordoulle ao secretario de Estado de Turismo as peticións que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, fixera ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, na reunión que mantiveron o pasado mes de xaneiro, na que reclamou do Estado un fondo de 100 millóns de euros para o Xacobeo: 70 millóns para levar a cabo o Plan de restauración de Bens de Interese Cultural (BIC) no Camiño e 30 millóns para financiar as accións de promoción e a programación que se van levar a cabo no 2021, e coordinando os esforzos de investimento de cara ao 2022.
No encontro co secretario de Estado de Turismo falouse tamén da oportunidade que representan os fondos europeos Next Generation para a recuperación do sector turístico. Aínda que o Estado espera contar con 2.000 millóns de euros para ese concepto, haberá que definir con que fondos poderá contar Galicia e concretar os proxectos máis atractivos para potenciar un dos sectores máis afectados pola crise do coronavirus.