viernes. 22.11.2024

Un total de 4.938 aspirantes están chamados a participar nas oposicións que se celebrarán simultaneamente esta fin de semana no recinto da Feira Internacional de Silleda e no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo para acceder a 396 prazas de categorías administrativas e de emprego social, toda vez que a pandemia e a súa evolución obrigan a adaptar as formas e secuencias de celebración das probas para garantir a súa realización coa maior seguridade posible.

A Xunta reanudou a semana pasada os exames de oposicións con todas as garantías sanitarias, logo de que as autoridades sanitarias autorizaran a súa celebración seguindo protocolos de actuación que garanten a súa realización con seguridade e conforme aos principios de igualdade, mérito e capacidade.

Mañá ás 09.00 horas terán lugar de xeito simultáneo en Silleda e en Lugo o exame para 63 prazas do grupo A1 de Psicoloxía//I Psicólogo para o que están convocados 1.252 aspirantes (984 en Silleda e 268 en Lugo); e pola tarde, ás 16,30 h celebraranse tamén simultaneamente en ambas sedes, as probas para 89 prazas do grupo A2 Traballador social//II Asistente social nas que están chamadas a participar 1.324 persoas (939 en Silleda e 385 en Lugo).

A continuación, o domingo ás 09,00 h celebrarase de forma simultánea en Silleda e en Lugo o exame para 174 prazas do grupo A1 do Corpo superior/I Titulado superior ao que están convocados 1.601 aspirantes (1.260 en Silleda e 341 en Lugo); e xa pola tarde realizaranse en Silleda as probas para 39 prazas do grupo A1 Medicina/I Médico con 95 aspirantes convocados; e para 31 do grupo A1 Bioloxía con 666 persoas convocadas.

Dadas as limitacións establecidas pola crise sanitaria da covid-19, a Dirección Xeral da Función Pública emitirá para todos aqueles participantes que o precisen, unha autorización de mobilidade que xustifique o seu desprazamento para a realización dos exames. Ademais, entre as 24 e 48 horas posteriores ao remate do exercicio, tamén terán á súa disposición un certificado de asistencia. Ambos os dous xustificantes poderán obterse no portal web corporativo https://www.xunta.gal/funcion-publica.

GARANTÍAS SANITARIAS

As probas realizaranse no recinto feiral de Silleda en Pontevedra con capacidade para 13.600 persoas e no Pazo de Feiras e Exposicións de Lugo con capacidade para case 1.800, con todas as garantías sanitarias e total seguridade, unha vez que as autoridades sanitarias avalan o protocolo covid 19 para a súa celebración.

Este protocolo establece que as persoas aspirantes deben acudir soas (salvo que precisen asistencia) e presentarse á hora indicada na convocatoria, non con antelación; e que deberán gardar en todo momento a distancia de seguridade.

A Dirección Xeral da Función Pública proporcionará a todos os aspirantes unha máscara que que será de uso obrigatorio durante todo o proceso. Tamén será obrigatorio o emprego de xel hidroalcohólico; os obxectos persoais dos participantes deben ser os mínimos imprescindibles; e non se poderá compartir material.

En cada unha das portas onde se desenvolvan as probas sinalaranse claramente os accesos correspondentes, o que permitirá a súa visualización desde o exterior co fin de axilizar a identificación do acceso que corresponda a cada aspirante.

Ventilaranse os pavillóns e manteranse as portas abertas durante a realización dos exercicios, sempre e cando non se provoque unha situación inconfortable polas correntes de aire ou derivada do ruído. No interior dos pavillóns, a distancia de seguridade entre os opositores será de entre catro e cinco metros.

Ademais, un operativo formado por case 300 persoas controlará que todos os procesos selectivos se desenvolvan de xeito correcto e con total seguridade. Tanto o recinto de Silleda como o de Lugo disporán tamén dunha ambulancia, habilitada pola Administración galega para atender calquera incidencia que se puidese producir durante a realización das probas.

Fin de semana de nervios para os case 5.000 opositores