O conselleiro de Sanidade anunciou hoxe, na clausura da Xornada: “Galicia fronte ao coronavirus e a sanidade do futuro”, organizada pola Asociación Española de Dereito Farmacéutico, que, no vindeiro mes, o departamento sanitario galego lanzará a consulta pública previa para empezar o proceso de elaboración do decreto regulador da entrega informada de medicamentos e produtos sanitarios. Un decreto, -dixo o conselleiro-, “en cuxa elaboración teñen que ter participación todos os sectores do mundo farmacéutico, e que debe alcanzar un equilibrio e xerar unha continuidade asistencial, para dar todas as garantías a un prodecemento que facilitará o acceso a fármacos e produtos sanitarios de pacientes crónicos, pacientes de idade avanzada ou que vivan en zonas illadas”.
O conselleiro sinalou que, na Lei galega de Ordenación Farmacéutica, incluiuse como gran novidade un artigo que regula a entrega informada de medicamentos nos lugares de residencia dos usuarios. Este artigo nos permitiu, -dixo García Comesaña-, “dar cobertura ao sistema extraordinario de prestación farmacéutica que establecemos durante a fase aguda da pandemia, co obxecto de atender a pacientes contaxiados da covid ou en situación de dificultade para desprazarse a recoller medicación de patoloxías non covid”.
Neste momento no que Galicia acaba de levantar a situación de emerxencia sanitaria, a extensión xeneralizada dese modelo toca ao seu fin pero “non podemos perder o bo que xeramos e as leccións que aprendemos”. En consecuencia, -dixo o conselleiro-, o Sergas Saúde “está xa a ultimar o modelo que substituirá ao anterior e permitirá seguir facilitando a entrega de fármacos aos pacientes cuxa situación asistencial ou persoal así o requira”, de aí que comece a nova elaboración o vindeiro mes.
FARMACÉUTICOS
Na súa intervención na xornada, García Comesaña subliñou que os presupostos da Comunidade Autónoma para o vindeiro ano contemplan a creación de 28 novas prazas de farmacéuticos, coa firme convicción de que a súa incorporación vai contribuír enormemente a facer unha mellor distribución de funcións nos centros de primaria.
Estes profesionais poderán ir asumindo responsabilidades que permitirán ao médico do primeiro nivel asistencial dispoñer de maior capacidade, que é a base para unha atención primaria de calidade. Neste senso, o conselleiro sinalou que o seu departamento comezou tamén o proceso para regular mediante decreto o funcionamento das unidades de farmacia de atención primaria, co obxecto de definir os recursos cos que debe contar e o que poden aportar á asistencia.
O responsable da sanidade pública galega sinalou que, para a Xunta, a colaboración das oficinas de farmacia galegas na xestión da pandemia “foi imprescindible”. Ao respecto, volveu agradecer aos colexios oficiais e a todos os profesionais de oficinas de farmacia galegas a súa colaboración nestes meses. “Contar cunha lexislación moi modernizada permitiunos innovar e artellar, de forma moi áxil, mecanismos de colaboración que axudaron a que a oficina de farmacia fora máis que nunca durante estes meses, unha extensión do sistema sanitario público”, -dixo o conselleiro-.
García Comesaña remarcou que as ideas e proxectos para mellorar a sanidade teñen que contar co sector farmacéutico. Ao respecto, no que atinxe á farmacia hospitalaria, o Sergas cre firmemente no seu potencial e agora mesmo está reformando cinco servizos de farmacia hospitalaria (hospitais de Monforte, Ferrol, A Coruña, Santiago e Valdeorras). Tamén contamos, -dixo o conselleiro-, coa farmacia de atención primaria. Así, no Consello Técnico deste nivel asistencial aprobouse un documento relativo aos profesionais da farmacia de atención primaria e, por iso, apostamos por eles como o demostra as preto de 30 novas prazas contempladas nos orzamentos, -concluiu-.