A Xunta porá en marcha nos próximos días o programa Camiño á Empregabilidade a través do que se ofertará formación aos menores de 30 anos sen emprego para mellorar as súas oportunidades laborais. A iniciativa desenvolverase, en concreto, entre o 11 de maio e o 11 de xullo.
O prazo de inscrición rematará o próximo luns 10. Así, todos os interesados aínda están a tempo de solicitar a súa praza a través da dirección de internet: https://fpgft.gal/index.php/gl/caminho_empregabilidade. Os únicos requisitos son residir en Galicia e atoparse en situación de desemprego.
A formación que se impartirá será virtual e presencial. O programa inclúe cualificación en comunicación activa, a aprendizaxe de ferramentas e competencias para mellorar a empregabilidade ou a elaboración dun plan de acción personalizado para a busca de emprego. Os alumnos e alumnas, ademais, contarán cun mentor que fará un seguimento dos participantes no programa.
Así mesmo, a iniciativa inclúe a realización dunha etapa do Camiño de Santiago na que os mozos e mozas poderán compartir coñecementos e experiencias con outras persoas, unha acción que servirá como colofón da aprendizaxe do programa e peche do mesmo.
A formación para o emprego é un eixo prioritario para a Consellería de Emprego e Igualdade. Galicia destina este ano máis de 72 millóns a diferentes programas neste ámbito -un 3,3% máis que en 2020- como son, entre outros, as unidades formativas na empresa ou a formación para ocupados e desempregados. A Administración autonómica, ademais, conta con programas mixtos de formación e colocación como son os obradoiros e os programas integrados de emprego.