viernes. 22.11.2024

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria para solicitar as axudas do Bono Enerxía Peme e Comercio, que ten como obxectivo axudar a pemes e autónomos dos sectores máis afectados pola pandemia a renovar as súas instalacións enerxéticas.

Enmarcada no Plan de axudas ao comercio galego, esta nova liña de apoios, coa que se prevé chegar a 1000 pemes e autónomos, conta cun orzamento de 3 millóns de euros, co obxectivo de mobilizar ao redor de 5M€, aforrar 300.000 euros ao ano na factura enerxética destas empresas e negocios, reducir o consumo enerxético de 3000MWh/ano –o impacto equivalente na redución de CO2 de plantar 45.000 árbores–, así como crear ou manter ao redor de 70 postos de traballo.

Os apoios da Vicepresidencia económica e Consellería de Economía, Empresa e Innovación serán de concorrencia non competitiva e terán unha intensidade do 80% ata un máximo de 6000 euros por centro de traballo. Ademais, os beneficiarios poderán solicitar anticipos de ata o 50% sen necesidade de presentar avais. O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro o 30 de xuño, ou ata que se esgote o crédito, mentres que as actuacións poderán terse executado desde o pasado 1 de xaneiro e ata o vindeiro 30 de setembro.

As axudas poden destinarse á mellora da envolvente a través de toldos ou láminas de control solar ou térmico; á renovación dos equipos de iluminación interior ou exterior; á mellora das instalacións eléctricas; á renovación do equipamento consumidor de enerxía como cafeteiras, lavalouzas, lavadoras ou secadoras, entre outros; así como equipos para a redución do consumo enerxético nas instalacións de climatización, ventilación e auga quente sanitaria. Tamén se poderá utilizar para sistemas domóticos e inmóticos que permitan xestionar a enerxía e o gasto de xeito máis eficiente.

Con esta nova medida, o Goberno galego busca diminuír o consumo de enerxía, aumentando a eficiencia enerxética e promovendo a introdución da mellor tecnoloxía dispoñible, así como reducir a factura de enerxía das pemes e autonómos, aumentando a súa competitividade.

O programa enmárcase no Plan de axudas ao comercio galego, sumándose así aos Bonos Activa Comercio, unha medida coa que se prevé beneficiar a 330.000 clientes a través de bonos desconto de 30 euros cos que se mobilizarán máis de 55M€ en vendas nos establecementos de proximidade; e ao programa Renove Electrodomésticos, co que se agarda mobilizar 10,5M€ e chegar a 20.000 fogares.

Estas iniciativas teñen como obxectivo incentivar o consumo, favorecendo, deste xeito, a súa recuperación. De feito, entre estas tres iniciativas –o Bono Enerxía Peme e Comercio, o Bono Activa Comercio e o programa Renove Electrodomésticos–, a mobilización prevista poderá superar os 70M€.

Axudas do Bono Enerxía Peme e Comercio