O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha orde pola que se modifican, para adaptalas ao novo contexto sanitario, algúns aspectos da convocatoria do Programa de Unidades Formativas da Xunta, dirixidas á cualificación de persoas traballadoras ocupadas en sectores estratéxicos para as empresas galegas no período 2019-2021.
Entre as principais novidades, a Xunta decidiu ampliar os prazos de execución das accións, así como incluír a traballadores autónomos e empresas de economía social como entidades beneficiarias, regular a formación non presencial ou mixta e mesmo ampliar o concepto de sectores estratéxicos aos que se dirixe o programa a aquelas actividades especialmente afectadas pola pandemia.
Tal e como recolle o DOG, trátase de introducir criterios de flexibilidade na execución tanto das accións formativas xa iniciadas e interrompidas temporalmente pola covid-19 como das que aínda non comezaran. As modificacións focalízanse na ampliación dos sectores que se poden beneficiar dos apoios e tamén do público ao que se pode dirixir a actividade formativa.
Entre outras medidas preténdese regular o aforo das instalacións habilitadas e a posibilidade de establecer quendas ou límites horarios ou a reprogramación de determinadas formacións.
Ademais flexibilízase a obriga á que as entidades que imparten a formación están vencelladas para manter o emprego durante un período mínimo dun ano. Agora non computará, de ser o caso, o tempo no que as persoas participantes, traballadoras por conta allea, estivesen afectadas por expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) pola situación provocada pola covid-19.
A introdución das medidas permitirá que as actividades formativas vencelladas ás necesidades da industria poidan ampliar os prazos inicialmente previstos facilitando o aumento da empregabilidade e a productividade das persoas traballadoras dos sectores estratéxicos de Galicia. Así, por exemplo, agrándase o prazo de execución tres meses máis para as accións formativas financiadas na primeira convocatoria e que continúen despois do 13 de marzo, teñan comezado, ou teñan previsto facelo, despois desta data.
Permitirase, así mesmo, a reprogramación das actividades formativas co obxecto de que as entidades beneficiarias non se vexan na obriga de renunciar ás mesmas, co conseguinte prexuízo para as persoas que participan nas accións de cualificación.