A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta activa para hoxe alerta laranxa por chuvias nas provincias da Coruña e Pontevedra.
Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), espéranse desde esta tarde precipitacións acumuladas en 12 horas de 80mm no suroeste da provincia da Coruña, así como nas Rías Baixas e no interior da provincia de Pontevedra. No oeste da Coruña o nivel de alerta será amarelo por precipitacións acumuladas en 12 horas de 60 mm.
Ademais, mantense vixente a alerta laranxa por ventos do sur e do suroeste que poden acadar os 100 quilómetros por hora na Mariña lucense e ás provincias de A Coruña, Pontevedra a partir deste mediodía. Tamén continuará activa a alerta laranxa por temporal costeiro no litoral da Coruña e Pontevedra con ventos do sur de forza 8, que no oeste da Coruña poden chegar a forza 9, ademais de mar combinada do oeste e do suroeste con ondas de entre 5 e 6 metros, que temporalmente poden aumentar a 7 metros.
Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.
AO EXTERIOR
A Comisión Escolar de Alertas decidiu suspender hoxe as actividades no exterior dos centros educativos das zonas de predición meteorolóxica da totalidade do oeste e suroeste da Coruña, a partir das 12,00 horas, e de toda a provincia de Pontevedra, a Mariña lucense e a Montaña de Ourense desde ás 18,00 horas, por unha alerta laranxa por refachos de vento superiores aos 100 quilómetros por hora.
RECOMENDACIÓNS
Ante as fortes chuvias e o vento, aconséllase circular con precaución e informarse antes do estado das estradas, evitar pasar preto de árbores, paneis publicitarios, andamios e obxectos que poidan ser derrubados polo vento, non atravesar zonas inundadas ou que poidan chegar a asolagarse, non aparcar nas ribeiras dos ríos, non utilizar vehículos lixeiros nin de pouca estabilidade e retirar todos os obxectos que poidan caer á rúa dende tellados, balcóns e ventás.
Debido ao temporal costeiro, lémbrase a importancia de permanecer lonxe da liña de costa e das praias e paseos marítimos co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos. Tamén se aconsella a suspensión das actividades pesqueiras e marisqueiras como medida preventiva naquelas zonas máis perigosas, así como extremar as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e revisar os cabos e amarres das embarcacións.
Ademais, recoméndase consultar a páxina web do CIAE 112 (axega112.gal ), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.