A Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén de convocar os exames para a obtención de carnés e habilitacións profesionais nun total de 15 especialidades diferentes, tal e como publica o Diario Oficial de Galicia. As probas desenvolveranse en dúas convocatorias. Para a primeira, o prazo de presentación de solicitudes será desde o día 22 de febreiro ao día 8 de marzo de 2021, ambos os dous incluídos; mentres que para a segunda estará aberto desde o día 21 de xuño ao día 5 de xullo de 2021, ambos os dous incluídos. O obxectivo desta convocatoria é facilitar a obtención desta acreditación, que favorece a incorporación ao mercado laboral das persoas que a posúen.
Os exames que se celebrarán en cada convocatoria son os que se reflicten na seguinte táboa:
Primeira convocatoria Carnés profesionais:- Operador/a de guindastre torre.- Operador/a de guindastre móbil autopropulsado, categoría A.- Operador/a de guindastre móbil autopropulsado, categoría B. Habilitacións profesionais:- Operador/a industrial de caldeiras. Segunda convocatoria Carnés profesionais:- En instalacións térmicas de edificios.- De operador/a de guindastre torre.- De operador/a de guindastre móbil autopropulsado, categoría A.- De operador/a de guindastre móbil autopropulsado, categoría B. Habilitacións profesionais:- Operador/a industrial de caldeiras.- Instalador/a de gas, categoría A.- Instalador/a de gas, categoría B.- Instalador/a de gas, categoría C.- Instalador/a de produtos petrolíferos líquidos, categoría I.- Instalador/a de produtos petrolíferos líquidos, categoría II.- Reparador/a de produtos petrolíferos líquidos, categoría III.- Manipulador/a de equipamentos con sistemas frigoríficos de calquera carga de refrixerantes fluorados.- Manipulador/a de equipamentos con sistemas frigoríficos de carga de refrixerante inferior a tres quilogramos de gases fluorados.- Manipulador/a de equipamentos de transporte refrixerado de mercadorías de calquera carga de refrixerantes fluorados.- Manipulador/a de equipamentos de transporte refrixerado de mercadorías que empreguen menos de tres quilogramos de refrixerantes fluorados.
Para seren admitidas á realización das probas, as persoas aspirantes deberán estar en idade legal laboral ou teren a idade mínima que, de ser o caso, poida esixir a normativa sectorial correspondente; así como cumprir os requisitos específicos que para cada especialidade se establezan na normativa vixente.
As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Xunto coa solicitude deberase presentar xustificante para a Administración do impreso correspondente de autoliquidación de taxas (importe de 40,77 euros), validado pola entidade bancaria onde se realice o ingreso. As persoas aspirantes que desexen obter máis dun carné profesional ou habilitación profesional presentarán unha solicitude por cada un deles, xunto coa correspondente documentación xustificativa.
As datas, hora e lugares de realización dos exames publicaranse xunto coa listaxe definitiva de persoas admitidas e excluídas.
PROBAS
Os exames estarán constituídos por dúas partes, e versarán sobre os coñecementos, e contidos especificados na regulamentación de cada especialidade e que constitúen a materia de avaliación. A primeira parte consistirá nun exercicio teórico escrito de resolución dun cuestionario tipo test proposto polo tribunal de cada especialidade. Poderá incluír cuestións sobre coñecementos tecnolóxicos e cálculos básicos no ámbito da competencia do carné profesional ou da habilitación profesional.
A segunda parte estará composta por un suposto práctico escrito ou unha proba real de manipulación, manobra ou operación, sobre a resolución dun problema ou de varios, ou sobre o seguimento de instrucións contextualizadas, segundo determine o tribunal, en relación cos requisitos prácticos propios de cada especialidade.
Para os carnés de operador/a de guindastre móbil autopropulsado, a segunda parte consistirá nunha proba de demostración real de destreza na manobra e na operación co guindastre baixo as instrucións e as indicacións especificadas polo tribunal. Esta proba poderá realizarse empregando un guindastre móbil autopropulsado ou un simulador.