O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Consellería do Medio Rural pola que se dan a coñecer os beneficiarios das axudas para a execución de medidas de promoción do sector vitivinícola en mercados de terceiros países, isto é, fóra da Unión Europea. Así, na convocatoria deste 2020 saíron beneficiarias un total de 19 entidades cunha achega global de 1,3 millóns de euros.
Ao abeiro destas axudas, que están financiadas ao 100% polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga), subvenciónanse as accións e actividades de promoción nas que se dean a coñecer as características dos viños con denominación de orixe ou indicación xeográfica protexida, así como os viños varietais. Entre as accións promocionais destacan campañas publicitarias, misións comerciais, promocións en puntos de venda, catas, feiras, presentacións de produto, xornadas, seminarios, degustacións, etc.
A esta liña de subvencións, que se resolveu en menos dun mes, puideron acollerse as empresas vinícolas, as organizacións de produtores e as súas asociacións, así como os órganos de xestión e de representación das denominacións de orixe protexidas e das indicacións xeográficas protexidas de viño e as cooperativas que comercializan viños elaborados por elas ou polos seus asociados.
Tamén se puideron beneficiar destas achegas as entidades asociativas sen ánimo de lucro participadas exclusivamente por empresas do sector vitivinícola, que teñan entre os seus fins a promoción exterior dos viños, as organizacións profesionais e interprofesionais do sector e as asociacións temporais ou permanentes de produtores que teñan entre os seus fins o desenvolvemento de iniciativas en materia de promoción e comercialización do viño.