Máis de 215 deportistas participarán este sábado, 14 de xaneiro, na edición número 42 da Regata Miño Internacional no río Miño ao seu paso por Tui. A histórica proba, organizada polo Club Remo do Miño en colaboración co Concello de Tui, aumentará amais este ano a súa participación con respecto ao ano pasado.
15 embarcacións de oito e 24 skulls pertencentes a 6 clubs portugueses e 8 españois tomarán a saída dende Currás, en Tomiño, para coroar a liña de meta ubicada na rúa Olímpicos Tudenses. Neste emprazamento tamén terá lugar o outro acto destacado da mañá do sábado cando, preto das 12.30 h, terá lugar o nomeamento do Centro Municipal de Remo en homenaxe a José Luis Méndez, figura clave do remo en Tui.
Esta mañá tivo lugar o acto de presentación desta proba deportiva na Casa do Concello. Alí compareceron o concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, o director técnico da Federación Galega de Remo, Juan Zunzunegui, o presidente do Club Remo do Miño, Manuel Ángel González, e o vicepresidente do club, Luís Moroño.
Rafael Estévez destacou a lonxevidade e fortaleza da proba para a que agradeceu a implicación do club organizador, un Club Remo do Miño que aporta grandes deportistas á cidade e traballa a base para colleitar os seus éxitos. O concelleiro de Deportes de Tui aproveitou a súa intervención para agradecer a súa implicación á Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra e Federación Galega de Remo, e á Protección Civil, Policía Local e Cruz Vermelha de Valença.
Por parte da Federación Galega de Remo, Juan Zunzunegui destacou que a misión do organismo é o de apoiar este tipo de probas e máis, dixo, cando se trata de clubs senlleiros como o Club Remo do Miño. O seu presidente, Manuel Ángel quixo subliñar que, malia que a preparación deste ano foi se cabe aínda máis complexa polas condicións do Miño logo das chuvias das últimas semanas, todo está preparado para o desfrute de deportistas e afeccionados. Por último, o vicepresidente do club deportivo, Luís Moroño, agradecía a implicación do Concello tamén por apoiar que o Centro Municipal de Remo leve o nome de José Luis Méndez