A Xunta de Galicia apoia ao piloto lucense Manuel Arias e á copiloto Yolanda Fernández para participar na Copa de España de Mototurismo e no torneo internacional Touring World Challenge, levando a marca Galicia e o Xacobeo a distintos lugares do territorio nacional e tamén a Francia, Alemaña e Grecia, onde os lucenses disputarán as probas internacionais.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, acompañado do xefe de servizo de Deporte, Manuel Otero, mantivo un encontro cos deportistas lucenses para coñecer o calendario da Copa de España, que continuará precisamente o 21 de maio coa Ruta Castrexa, que se celebra en Lugo; seguirá o seu percorrido en xuño coa Volta a Mallorca; e en xullo estará na Bañeza, entre as probas máis próximas.
Arias destacou o nivel de ambos deportistas na pasada tempada, na que Yolanda Fernández foi Campioa de España de copilotos e Manuel Arias, subcampión de pilotos.
Ademais da súa participación na Copa de España, os lucenses tomarán parte no campionato internacional Touring World Challenge, que terá en Francia a primeira das probas, que se celebrará entre o 9 e o 11 de xuño. A seguinte cita será en Alemaña do 24 ao 27 de xullo; e rematarán a súa participación en Grecia do 20 ao 24 de setembro.