Salvaterra harmoniza viños espumosos, produtos da Terra e do Mar con Cultura esta fin de semana
A Festa dos Espumosos da DO Rías Baixas en Salvaterra ten outra dimensión nesta oitava edición. A carpa, situada no recinto amurallado, este ano terá 1.700 metros cadrados. Ampliación que manifesta o éxito que está tendo esta cita anual.
Os visitantes poderán degustar 20 espumosos distintos pertencentes a 10 adegas da DO Rías Baixas. Viños espumosos harmonizados con produtos da terra e do mar (marisco, empanada, xamón...). A harmonía tamén chega á cultura coa posibilidade de desfrutar de actuacións musicais en directo...
Segundo a alcaldesa de Salvaterra, Marta Valcárcel, as festas no seu municipio distínguese pola “comodidade”: sempre hai mesas e cadeiras para sentarse e tranquilamente degustar os produtos.
O sábado, despois do coloquio vaise falar do primeiro espumoso, de 2011, dunha adega da subzona do Condado do Tea, Adega cooperativa Eidosela, e haberá unha degustación para o público asistente.
Salvaterra espera centos de visitantes esta fin de semana. A festa do Viño espumoso pretende ofrecer os nosos espumosos á venda para degustar alí e mercar para as próximas datas de Nadal, así como desestacionalizar o consumo dos espumantes a outras épocas do ano e convertelos en bebida con outro tipo de pratos, non só coa docería.
O capítulo da Confraría do Viño do Condado do Tea e Espumosos achegará tamén un brillo especial a esta festa e van ser nomeados novos confrades baixo o Gran Mestre, Antonio Alén. Todo un espectáculo ver os confrades ataviados cos seus mandilóns de toneleiros e brindando con espumosos da DO Rías Baixas.
Ademais, Salvaterra ofrece interesantes visitas, como ao Parque Público de A Canuda, o Complexo termal de Teáns-Oleiros, a posibilidade de coller unha bicicleta en préstamo gratuito y percorrer os sendeiros, a visita ao Museo da Ciencia do Viño...