A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Promoción Empresarial, Economía e Emprego mosense, Julia Loureiro, anunciaron hoxe a posta en marcha da plataforma 'Quédate en Mos. Todo ao teu alcance', creada para promocionar e apoiar aos negocios e ao comercio locais e darlle o pulo que precisan para lograr saír desta crise derivada do COVID-19.
Trátase dun portal que se inclúe como unha sección da páxina web do Concello, www.mos.es que pretende a promoción dos negocios locais proporcionando un listado de todos os existentes en Mos e incluíndo os datos de cada un, tales como teléfono, horario, dirección, se prestan servizo a domicilio, se é precisa solicitude de cita previa…entre outros.
Hoxe a última hora
estará rematada esta nova plataforma que será operativa a partir de mañá.
Inclúe preto de 300 negocios, 287 para ser exactos, pero conta tamén cun
apartado para que todo o que queira estar presente na mesma e aínda non o estea
poida poñerse en contacto coa Axencia de Colocación de Mos e participar nesta
iniciativa na que o número de integrantes está aberto e poden ir aumentando
respecto dos agora existentes.
Os primeiros negocios en aparecer no portal 'Quédate en Mos' e que comezarán a promocionarse a partir deste sábado son os vinculados aos subministros e servizos do día a día tales como alimentación, panadería, froitería, hostelería, carnicería, perruquería e estética, ximnasios, floristerías, ferreterías, agros, tendas de roupa e deporte… etc.
A vindeira semana
incorporaranse os negocios locais relativos a oficios e servizos de
construcción e mantemento tales como fontanería, carpintería, construcción,
viveiros, maioristas… etc.
Todos os negocios
estarán clasificados por categorías para que a navegación web sexa máis sinxela
e intuitiva para o usuario e cliente potencial dos mesmos.
Sobre esta plataforma as representantes municipais, Arévalo e Loureiro, destacaron que “en Mos temos a sorte, a pesares de ser un municipio cunha grande extensión e dispersión poboacional, e eminentemente rural, de ter todo tipo de negocios que nos permiten o autoabastecemento sen ter que saír da nosa localidade. Por iso en momentos de crise coma estes queremos axudalos e apoialos animando á poboación mosense a consumir do noso, porque xuntos é o xeito de que saiamos adiante e por iso decidimos desde a administración local mosense poñer en marcha esta ferramenta de fomento do consumo nos negocios locais. Apoiándonos os mosenses uns aos outros lograremos saír desta crise”, concluíron.