Aínda que guías para recoñecer as herbas de San Xoán hai moitas, ningunha se parecía á que tiña Paula Lago en mente. A arquitecta e artista convenceu á súa nai para que lle axudara nun proxecto que acabou converténdose en ‘Herbas da noite. Unha guía expresionista das Herbas de San Xoán’, un libro que recolle os usos populares e propiedades das plantas que se apañan na véspera do 24 de xuño e que recompila información que foi transmitíndose de xeración e xeración na contorna familiar e veciñal das autoras.
Dores Pereira e Paula Lago estarán este mércores 22 de xuño no museo municipal de Ponteareas a partir das 20.00 horas presentando esta obra inspirada en herbarios como o que publicou Emily Dickinson en 1845. Trátase dunha creación conxunta de nai e filla na que Pereira fíxose cargo da información e dos textos, mentres que Lago encargouse da ilustración e da edición. O resultado é unha guía que reúne un total de 27 plantas da súa zona coa súa denominación popular e latina, recollendo os trazos morfolóxicos básicos e información adicional sobre os seus usos máis populares, ditos e receitas.
O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, convida a toda a veciñanza a achegarse á presentación deste libro que cobra especial relevancia na propia semana de San Xoán e que pode axudar a ponteareás e ponteareáns a recoñecer as principais herbas empregadas dende tempos ancestrais na noite máis curta do ano.
A presentación será con entrada libre ata completar aforo.