As obras de humanización da rúa Fernández Vega no tramo do auditorio-praza de abastos afrontan a súa fase final coa colocación do pavimento e remate de arquetas, sumidoiros e instalacións eléctricas.
A empresa adxudicataria
procede nestes días á colocación do solado, pavimentos de granito e rematado do formigón de cor. No
día de onte comezouse coa colocación das instalacións eléctricas e procederase
a continuación coas instalacións de regadío para logo seguir coa colocación do
mobiliario urbano e a apertura total dos accesos.
Na
pasada semana ademais rematáronse os traballos para reparar unha importante
rotura da tubaxe de saneamento situada no lateral esquerdo da praza de abastos
descuberta durante as obras de humanización. Unha empresa especializada
realizou estes traballos que requiren actuar a varios metros de profundidade.
O alcalde de Ponteareas,
Xosé Represas, e a concelleira de Vías, Obras e Alumeado, Chus Garrote,
adiantan que nas vindeiras semanas estarán rematadas estas obras enmarcadas na
estratexia “Ponteareas, hábitat saudable” financiadas cos fondos de
desenvolvemento rexional da Unión Europea (fondos FEDER) que custean o 80% e
cos fondos propios do concello que se fai cargo do 20%.
“Este espazo entre o
auditorio e a praza de abastos será un espazo de convivencia que dará a benvida
a toda a veciñanza unha vez que superemos esta situación temporal de estado de
alarma. Precisamente esta situación provocou o retraso no subministro do
mobiliario urbano que será colocado en canto chegue”.
O tramo entre o
auditorio municipal e a praza de abastos é agora unha plataforma única coa
estética dunha praza aínda que manterá a circulación de vehículos. Éstes
deberán subir á plataforma e circular a tan só 20 km/h, garantindo así a seguridade
dos peóns. O obxectivo da actuación foi converter esa zona comercial con grande
movemento de persoas nun amplo espazo peonil atractivo, agradábel e seguro, con
mobiliario urbano como bancos, nova iluminación e arborado de certo porte.