Xunta impulsa a realización dun estudo epidemiolóxico nunha porcentaxe considerable da poboación galega

OO titular da Xunta deu conta este mediodía da actual situación con respecto ao coronavirus, despois de analizar co comité clínico a evolución da epidemia e as perspectivas para as vindeiras semanas.

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, constatou hoxe que Galicia está a conter a pandemia e salientou que a Xunta recibiu xa 30.000 test de dobre banda que adquiriu e que permiten detectar os positivos activos e os inmunizados. “A evolución da curva está a ser boa. Podemos dicir que estamos contendo a pandemia e debemos seguir traballando co mesmo rigor”, aseverou, despois de analizar onte co comité clínico a evolución da pandemia e as perspectivas para as vindeiras semanas.

Ao longo da rolda de prensa, Feijóo resaltou que o Plan de continxencia en marcha baixou do nivel 3 ao nivel 2. “Actualmente atopámonos cunha estabilización das urxencias, cunha diminución dos casos de hospitalización e cunha redución intensa de máis do 20% dos pacientes que ocupan as UCI, polo que o comité clínico propón desactivar a fase 3 e dar por concluída, de momento, a fase aguda da crise do coronavirus en Galicia”, explicou, reiterando que a Comunidade non pode baixar a garda e debe seguir planificando e actuando con responsabilidade.

Nesta liña, incidiu en que é imprescindible contar con test fiables, non só para detectar positivos, senón para saber cales son positivos activos e cales inmunizados. “É vital para evitar novos contaxios”, abundou, explicando que nas próximas horas os expertos tomarán a decisión sobre o protocolo que precise como e onde empregar os test de dobre banda que a Administración autonómica acaba de adquirir.

Así mesmo, o titular da Xunta avanzou a realización dun estudo epidemiolóxico nunha porcentaxe considerable da poboación galega para ter estimacións fiables e afrontar as vindeiras semanas. Ao respecto, precisou que os expertos xa están traballando, co obxectivo de que nos próximos días se poida anunciar o contido e alcance desta “enquisa epidemiolóxica”, da que se poderán obter os datos sobre porcentaxe de positivos, así como estimacións fiables de canta xente pasou o coronavirus e que porcentaxe está inmunizada.

Ante a necesidade de redobrar as prevencións para que non haxa un rebrote, Feijóo referiuse tamén ao problema de desabastecemento nos centros de traballo, reiterando que, co obxectivo de dar seguridade, a Xunta acordou facilitar aproximadamente 900.000 máscaras semanais –durante dúas semanas- para as empresas e os autónomos que o soliciten, a prezo de custo da Administración autonómica.

“E esta mesma semana repartimos outras 20.000 máscaras no sector pesqueiro”, engadiu, que se suman ás 500.000 que cada semana utiliza o Sergas e a case un millón que se distribuíron para dar seguridade ás residencias, así como aos concellos.

Feijóo fixo fincapé na importancia de ter datos para coñecer a situación real, especialmente nas residencias de maiores e de discapacitados internos, que seguen a ser unha das prioridades de atención da Xunta. “E por iso levamos feitos test masivos como a mellor fórmula para atacar este virus nas residencias”, afirmou, reiterando a necesidade de que o Goberno central facilite os datos de todas as autonomías para facer comparacións homoxéneas e contar cunha información transparente e fiable.

NO PARLAMENTO

Ao longo da rolda de prensa, o presidente do Goberno galego asegurou que volverá solicitar a súa comparecencia no Parlamento, ante a Deputación Permanente, para informar aos grupos parlamentarios da evolución do COVID-19. E avanzou que, esta mesma tarde, terá lugar a primeira reunión do comité de expertos económicos que asesora á Xunta ante o impacto que a pandemia terá na economía.

Debido ao alcance deste duro escenario, Feijóo explicou que o comité determinará de xeito inmediato o impacto económico que os estados de alarma e de emerxencia sanitaria e as súas medidas de restrición van ter na economía galega, especialmente naqueles sectores que maior riqueza e emprego aportan á nosa Comunidade.

Así mesmo, o comité analizará os posibles escenarios de saída da crise, tendo en conta a previsión de caída do PIB e dos ingresos tributarios de todas as administracións; así como o impacto que suporá no déficit público e, polo tanto, no incremento da débeda pública. De igual xeito, avaliará o impacto das medidas económicas xa adoptadas polas distintas administracións para decidir cales son as mellores prácticas e así propoñer novas medidas laborais e fiscais para a reactivación económica. “Temos que prepararnos para a situación económica e queremos facelo con serenidade, determinación e con unidade dos expertos, e sei que tamén dos galegos”, concluíu.