viernes. 26.04.2024

Onte 7 de outubro, conmemórouse o 450 aniversario da Batalla de Lepanto. Aproveitando esta efeméride o Concello de Tui organiza un ciclo de conferencias e unha serie de visitas guiadas ao retablo de Nosa Señora do Rosario ou da batalla de Lepanto, e a igrexa de San Domingos onde está ubicado, para poñer en valor este singular elemento do patrimonio cultural tudense, e contribuír ao coñecemento da nosa historia e de acervo cultural de Tui.

Esta mañá tivo lugar a presentación deste programa de actividades na propia igrexa de San Domingos, por parte do alcalde, Enrique Cabaleiro, da concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, do técnico do Arquivo, a Biblioteca e o Museo Municipal, Rafael Sánchez Bargiela, e do presidente da Asociación Amigos da Catedral, Eduardo Cadenas.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, explicaba esta mañá que o obxectivo destas actividades “é a posta en valor desta xoia do noso patrimonio coma é a igrexa de San Domingos, que amais de ser un elemento moi singular, tamén ten no seu interior unha serie de xoias patrimoniais de carácter excepcional, e unha delas é este famoso retablo da Batalla de Lepanto”. As conferencias previstas, explicaba, “están encamiñadas a coñecer a historia desta xoia patrimonial e tamén á posta en valor desta igrexa” polo que convidaba á asistir as actividades organizadas.

A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, indicaba que coas visitas guiadas e as conferencias organizadas búscase “que a cidadanía poida coñecer a riqueza inmensa que temos no noso concello”, engadindo que “este é un máis dos valores patrimoniais e culturais que temos na cidade”.

Rafael Sánchez Bargiela, historiador,  explicaba que o retablo coñecido coma da Batalla de Lepanto é o Retablo de Nosa Señora do Rosario. Precisou que “non sabemos a data concreta nin o autor do retablo. É un retablo realizado entre 1730 e 1740 impulsado por unha confraría do Rosario que existía  nesta igrexa conventual de San Domingos, e que foi seguramente a que propiciou coas súas achegas a realización desta obra”.

A igrexa de San Domingos de Tui, declarada Monumento histórico artístico no ano 1931 (hoxe Ben de Interese Cultural) é un dos espazos patrimoniais de maior interese no conxunto histórico tudense.

A Batalla de Lepanto tivo lugar no ano 1571, sendo a maior batalla naval da historia moderna, na que participaron 450 naves e máis de 200.000 homes. Na mesma enfrontáronse a flota de Liga Santa (integrada pola Monarquía Hispánica, os Estados Pontificios, a República de Venecia, a Orde de Malta, a República de Xénova e o Ducado de Saboia), comandada polo español Juan de Austria, e a flota do Imperio Otomán do sultán Alí Pasha que ameazaba a estabilidade no Mediterráneo occidental. A vitoria das tropas cristiás marcou o freo á política expansionista do imperio turco.

Conta a tradición que namentres acontecía esta batalla o Papa Pío V rezaba o rosario, e que pedira a toda a Cristiandade que o acompañase con esta oración. Desta foi atribuída esta importante vitoria á Nosa Señora do Rosario. Conta amais a tradición que o rezo do rosario foi entregado pola Virxe María a San Domingos, fundador da Orde dos dominicos.

O retablo tudense, promovido pola Confraría do Rosario, recolle na súa iconografía todos este motivos: a imaxes corresponden a Nosa Señora, o seu esposo, San Xosé, e o seu pai, San Xaquín. No mesmo están representadas as escenas dos quince misterios do rosario e coroando o retablo a espectacular representación desta batalla de Lepanto.

O programa previsto comezará con visitas guiadas que se iniciarán esta fin de semana, sábado 9, domingo 10 e luns 11 ás 19 h e que continuarán o domingo 31 de outubro e o luns 1 de novembro ás 18 h .

Xa próxima semana abrirase o ciclo de conferencias que se prolongará até o 9 de novembro.  No mesmo intervirán os profesores da USC Hortensio Sobrado Correa, Domingo González Lopo, Francisco Javier Novo Sánchez,  e a profesora de ensino medio Dolores Balseiro, e o historiador tudense Suso Vila.

Todas as actividades desenvolveranse na Igrexa de San Domingo, sendo preciso inscrición previa no correo [email protected] ou presencialmente na Biblioteca Municipal, no edificio Francisco Sánchez, antiga Área Panorámica.

PROGRAMA

Visitas guiadas:

  • Sábado 9, domingo 10 e luns 11 de outubro  ás 19.00 h
  • Domingo 31 de outubro e luns 1 de novembro ás 18.00 h

Ciclo de conferencias

Todas as actividades terán lugar na propia igrexa de San Domingos, contando coa colaboración da Asociación de Amigos da Catedral de Tui.

A asistencia é libre e de balde pero cómpre inscrición previa no correo electrónico: [email protected] ou presencialmente na propia Biblioteca Municipal (Edificio Francisco Sánchez – antiga Area Panorámica, rúa Colón, 2).

Ciclo conferencias sobre o retablo da Batalla de Lepanto da igrexa de San Domingo