sábado. 27.04.2024

Afundación, a Obra Social de ABANCA, decidiu ampliar o período expositivo da mostra 'Primavera tras a fiestra', polo que o público conta aínda coa posibilidade de visitar esta exposición fotográfica no andar baixo da Sede Afundación da Coruña (Cantón Grande, 8). O horario de apertura é de luns a venres en horario de11.00 a 14.30 h e de 17.30 a 21.00 h, e os sábados e festivos de 17.30 a 21.00 h.

'Primavera tras a fiestra' recolle a mirada doméstica do confinamento vivido na primavera a causa da pandemia, a vida detida nos fogares e as diversas emocións vividas que vemos nas fotografías enviadas por particulares galegos que acudiron á convocatoria de Afundación. Esta exposición conta con espléndidos textos de Inma López Silva nos que reflicte as súas reflexións e experiencias enriquecendo o percorrido cunha mirada literaria.

Esta mostra é parte, xunto coa exposición exterior «Galicia en vilo», do proxecto expositivo «Miradas desde o confinamento», unha proposta dual na que a fotografía toma o protagonismo para reflectir dúas realidades diferentes e complementarias do confinamento vivido esta primavera a raíz da pandemia. Por unha banda, a exposición «Galicia en vilo» recolle as imaxes de fotoxornalistas realizadas a todas aquelas persoas encargadas de traballos esenciais ao longo deses meses. E, pola outra, «Primavera tras a fiestra» plasma as variadas realidades do ámbito doméstico daquelas persoas que enviaron as súas imaxes a Afundación para compartir un intre das súas vivencias.

A partir da mirada profesional e persoal de diferentes profesionais da fotografía, este proxecto aborda ópticas diversas do confinamento, desde as novas formas de relacionarnos, de traballar, de estudar, facer a compra, xogar... Unha composición visual deste fito histórico, recoñecendo as ambivalencias dunha situación de extrema excepcionalidade e gravidade. Moitas das instantáneas reflicten a crise sanitaria e o inmenso sacrificio dos equipos de traballo no sector e doutros relacionados ou que xogaron un papel especial en tempos de coronavirus, e, asemade, outras moitas reflicten intres de intenso cariño, tempos compartidos e de aprendizaxe en familia.

'Primavera tras a fiestra'