fbpx
Fotografía de Eugenio Granell de la portada del libro.

O pintor surrealista Eugenio Granell, obxecto dun libro que plasma as circunstancias e vicisitudes vitais deste regreso do exilio

O Consorcio de Santiago e Alvarellos Editora sacan á luz Eugenio Granell. Regreso de un surrealista exiliado, unha publicación da historiadora Violeta González Forte. Cando a situación sanitaria o permita, presentarase ao público; polo momento, xa está disponible nas librerías.

A piques de cumprirse vinte anos da morte do gran pintor surrealista galego, este ensaio é froito dun traballo rigoroso, profundamente documentado. Ilustrado con máis de 80 fotografías e reproducións das obras máis significativas deste período de Granell, aborda o seu regreso do exilio a un país que tardaría moito en recoñecer a súa vida e obra.

Vencellado ao surrealismo desde os seus comezos pictóricos no exilio, o nome de Eugenio F. Granell (A Coruña, 1912-Madrid, 2001) forma hoxe parte da historia da arte española do século XX, e a súa obra está representada nas mellores coleccións artísticas do país. Pero esta realidade contrasta co enorme descoñecemento que o artista sufriu, durante décadas, na súa propia terra. A pesar dos premios e recoñecementos que -nos anos 50 e 60 do século pasado- recibiu no estranxeiro, a existencia de Eugenio Granell en España pasou desapercibida mesmo despois do seu regreso en 1985.

Este libro de Violeta González Forte céntrase precisamente nas circunstancias e vicisitudes vitais deste regreso do exilio. Recolle cartas cheas de desacougo, nas que o artista reflicte grandes dúbidas e amargura, xa que o retorno implicaba soportar un país cuxa ditadura parecía interminable.

O libro recolle tamén eses firmes apoios que, desde finais do franquismo, comezaron a reivindicar a súa figura. Primeiro foi Isaac Díaz Pardo e, xa nos oitenta, César A. Molina, entre outros. Un esforzo que culminou en 1995 co nacemento da Fundación Eugenio Granell en Compostela, cidade onde vivira durante a súa infancia e mocidade.

Violeta González Forte (A Coruña, 1982) é doutora en Historia da Arte pola Universidade de  Santiago de Compostela e especialista na obra de Eugenio Granell, sobre quen presentou a súa tese en 2015. Impartiu docencia na universidade e realizou unha estadía de investigación na Universidade de Puerto Rico (2011) co fin de estudar a actividade desenvolta alí por Granell.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada
3