viernes. 26.04.2024

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, presentou hoxe Camiño de Cantares, un ciclo de música a través do cal se editarán dous libros-cd que serán interpretados en concerto en espazos relixiosos de localidades polas que transcorre o Camiño de Santiago. No acto, o director xeral estivo acompañado por Nieves García, da Asociación Ciclo de Música de Barcia de Mera, polo director musical do coro Vox Stellae, Luis Martínez, e polo musicólogo Joám Trillo.

As publicacións titularanse Libro de órgano da Catedral de Tui (séc. XVIII) e Libro III de Polifonía (séc. XVII- XVIII) e para contribuír á súa divulgación programáronse un total de nove concertos. O primeiro título, a cargo do organista Joaquín Barreira, presentarase este sábado na Catedral de Tui ás 20,00 h. e a súa serie de concertos proseguirá o 9 de outubro na igrexa de San Rosendo (Celanova) ás 19,30 h., o día 10 na Capela das Ánimas (Santiago de Compostela) ás 20,00 h. e finalizará o 11 de outubro na Colexiata de Iria Flavia (Padrón) tamén ás 20,00 h.

Os concertos do Libro III de Polifonía (séc. XVII-XVIII) estarán dirixidos por Luís Martínez e comezarán o 12 de setembro na Catedral de Tui ás 20,00 h. Ao día seguinte, as composicións interpretaranse na igrexa de San Pedro (Melide) ás 20,30 h. O 25 de setembro o concerto terá lugar na igrexa de San Francisco (Ribadavia) ás 20,30 h., o día 26 no santuario da Virxe da Barca (Muxía) ás 20,00 h. e o ciclo rematará o 27 de setembro na igrexa do Mosteiro de Santa María de Oia ás 19,00 h.

O eixo desta iniciativa é a música vocal, tendo cabida propostas a capella e con acompañamento instrumental. Así mesmo, estas publicacións poñen o foco na música creada para o Apóstolo Santiago, que conta con historias do Camiño ou composta en localizacións xacobeas.

Organizado pola Asociación Ciclo de Música de Barcia de Mera, Camiño de Cantares enmárcase en O teu Xacobeo, un programa de axudas específicas para a dinamización sociocultural do Camiño de Santiago e a promoción do Xacobeo 2021. Este programa reflicte o carácter participativo, diverso, descentralizado e sustentable do Ano Santo, xa que é a propia cidadanía a que deseña as súas propostas.

O ciclo 'Camiño de Cantares' con dous libros-cd e nove concertos en localidades da ruta...