viernes. 26.04.2024

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo; o xerente da Área Sanitaria de Vigo, Julio García Comesaña, e o secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade, Alberto Fuentes, inauguraron hoxe o mural Xa che Vigo, a obra de gran formato que a artista baionesa Lula Goce elaborou para a escenografía dos Premios da Cultura Galega 2019 e que foi colocada na zona de consultas do complexo hospitalario. Ao acto asistiron tamén membros do equipo directivo da Área Sanitaria.

Para realizar esta peza Goce, que tamén estivo presente na inauguración, estableceu tres referencias principais. A primeira, a propia cidade olívica, coa presenza dalgúns dos seus espazos máis emblemáticos. A segunda foi a movida viguesa, movemento cultural e creativo excepcional que foi protagonista da derradeira edición dos Premios da Cultura Galega. E a terceira foi o movemento artístico Atlántica, que iniciou a eclosión dun momento artístico dinamizador da arte galega no último terzo do século XX. Pódese polo tanto asegurar que a peza conecta 40 anos de creación artística e cultural de Vigo. A técnica empregada neste mural foi acrílico, pintura plástica e sprai sobre madeira e a obra ten unhas medidas de 7,5 m x 2,5 m.

Lula Goce é unha das expoñentes da arte urbana en Galicia. A súa obra ten un amplo percorrido internacional, especialmente os murais de gran formato, que están presentes en cidades de España, Europa, México e Estados Unidos. O seu traballo adoita ter unha gran dimensión social e conta con abundantes retratos de persoas onde transita do íntimo ao global para captar toda a identidade de cada faciana.

Lula Goce, no Cunqueiro