viernes. 26.04.2024

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) formaliza

mañá o ingreso de cinco novos membros: Luis Liz Marzán, Xosé Ramón Bustelo,

Aníbal Figueiras, Beatriz González e Manuel de León. A entrada dos novos

académicos correspondentes faise oficial coincidindo coa apertura do curso da

institución, que se celebra ás 19 horas en Santiago coa lección maxistral “A

xeoloxía e o cambio climático na Terra”, a cargo de Juan Ramón Vidal Romaní.

O

acto estará presidido polo titular da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo,

xunto co presidente da RAGC, Juan M. Lema Rodicio. Asisten tamén a conselleira

de Educación, Universidade e FP, Carmen Pomar; o reitor da Universidade da

Coruña, Julio Abalde; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario

Álvarez; os vicerreitores de Investigación das Universidades de Santiago e

Vigo, Vicente Pérez Muñuzuri e Belén Rubio; e a vicerreitora de Relacións

Institucionais da Universidade Carlos III, Matilde Sánchez.

Con

estes cinco ingresos, a RAGC incrementa a súa nómina de científicos e

científicas galegos –ou cunha estreita vinculación a Galicia– de recoñecido

prestixio nas súas áreas de coñecemento e que exercen a súa actividade

investigadora en centros de referencia no resto de España ou no estranxeiro,

con capacidade para contribuír á promoción da ciencia en Galicia a través da

RAGC.

Luís Liz-Marzán,

natural de Lugo, é considerado un dos pioneiros no campo da nanoplasmónica e as

súas aplicacións na biomedicina. Tras doutorarse en Química pola Universidade

de Santiago de Compostela (USC) e realizar unha estancia de dous anos na

Universidade de Utrecht, incorporouse á Universidade de Vigo, onde obtivo a

cátedra de Química Física. Desde 2012 é profesor Ikerbasque e director

científico do Centro de Investigación Cooperativa en Biomateriais (CIC

biomaGUNE), en San Sebastián. Dirixiu máis de 30 teses doutorais e foi profesor

convidado en institucións en todo o mundo. Entre os seus numerosos premios

destacan a Medalla da Real Sociedade Española de Química, o Premio Rey Jaime I

de Investigación Básica e o Premio Nacional de Investigación en Ciencia e

Tecnoloxía Químicas. É membro da European Academy of Sciences e da Real

Academia de Ciencias de España. Obtivo tamén a prestixiosa ERC Advanced Grant

en dúas ocasións.

Xosé R. Bustelo

(Padrón, A Coruña) é profesor de investigación no Consello Superior de

Investigacións Científicas (CSIC) e investigador principal no Centro de

Investigación Biomédica sobre o Cancro (CIBERONC). O seu traballo céntrase na

comprensión dos mecanismos de transducción de sinais que contribúen ao

desenvolvemento do cancro e outras enfermidades. O seu grupo identificou xenes

implicados nestes procesos, novos programas tumorais, dianas terapéuticas e

pegadas xenéticas diagnósticas con potencial interese clínico. Logo de

doutorarse en Bioloxía pola USC especializouse durante varios anos nos Estados

Unidos ata o seu regreso, cando se integrou no CSIC. A súa produción científica

inclúe ata agora 140 artigos científicos e varias patentes. A súa traxectoria

foi recoñecida por premios coma o Young Investigator Award for Cancer Research

(USA), o Premio Nacional de Oncoloxía Echevarne, o Premio Pfizer de

Investigación Básica e o Premio Severo Ochoa de Investigación Biomédica. Desde

2019 é presidente da Asociación Española de Investigación sobre o Cancro.

Beatriz

González López-Valcárcel,

nacida en Vigo, é experta en investigación en economía da saúde

pública e da prevención (obesidade, tabaco, desigualdades sociais en saúde),

mercados laborais e planificación de recursos humanos, adopción e difusión de

novas tecnoloxías sanitarias, e economía do medicamento. Licenciada en Ciencias

Económicas  pola USC, doutorouse pola Universidade de La Laguna e obtivo a

Cátedra de Métodos Cuantitativos en Economía e Xestión da Universidade de Las

Palmas de Gran Canaria. É profesora de cursos de posgrao e doutoramento en

decenas de universidades españolas e estranxeiras, labor que compaxina co

liderado de proxectos de investigación estatais e europeos e coa consultoría en

países como México, Brasil, Arxentina, Chile e Mozambique. Foi presidenta da

Asociación de Economía da Saúde e da Sociedade Española de Saúde Pública e

Administración Sanitaria, así como da sección de Public Health Economics da

Asociación Europea de Saúde Pública. No ano 2011 foi condecorada coa Cruz da

Orde do Mérito Civil de Sanidade.

Aníbal R. Figueiras Vidal

(Vigo) é profesor e investigador na Universidad Carlos III de Madrid,

especializado no tratamento dixital de sinais e na aprendizaxe de máquinas (machine

learning). Licenciado e doutor en Enxeñería de Telecomunicación, é

catedrático de Universidade desde 1976 e tivo un papel decisivo na posta en

marcha da Escola de Enxeñería de Telecomunicación da Universidade de Vigo. Ten

publicadas máis de 400 contribucións científico-técnicas (artigos e relatorios)

e exerce como consultor e avaliador para numerosos organismos e publicacións

estatais e internacionais. Ata o de agora coordinou un centenar de proxectos e

contratos de I+D e dirixiu varias decenas de teses doutorais. Recibiu o Premio

Miguel Catalán 2019 da Comunidade de Madrid á traxectoria investigadora. É

Académico Numerario da Real Academia de Enxeñería –da foi presidente de 2007 a

2011– e correspondente da Academia de Enxeñería de México. Ademais, recibiu

doutoramentos honoris causa das Universidades de Vigo e San Pablo (Arequipa,

Perú).

Manuel de León

(Zamora), licenciouse e doutorouse en Matemáticas pola USC, onde exerceu como

docente ata incorporarse ao CSIC. Alí foi o encargado de fundar o Instituto de

Ciencias Matemáticas (ICMAT), centro de excelencia Severo Ochoa. O seu traballo

de investigación céntrase na xeometría diferencial, a física matemática e a

xeometría mecánica, campos nos que ten publicado uns 300 artigos de

investigación e catro monografías. Foi tamén o fundador e director do Journal

of Geometric Mechanics (American Institute of Mathematical Sciences) e

desenvolve un intenso labor de divulgación das matemáticas. Dirixiu 11 teses

doutorais en cinco universidades diferentes e foi vicepresidente da Real

Sociedade Matemática Española, así como fundador e presidente do Comité Español

de Matemáticas (CEMAT). É membro numerario da Real Academia de Ciencias

Exactas, Físicas e Naturais e correspondente da Real Academia Canaria de

Ciencias, así como Medalla da Real Sociedade Matemática Española.

Luis Liz Marzán, Xosé Ramón Bustelo, Aníbal Figueiras, Beatriz González e Manuel de...