viernes. 26.04.2024

Afundación, a Obra Social de ABANCA, deseñou unha completa programación

expositiva que se desenvolverá nas sete sedes de que dispón a entidade nas

cidades galegas. Ao longo do primeiro trimestre de 2020 renovaranse as ofertas

plásticas e as súas propostas didácticas complementarias. A cultura é para

Afundación, a Obra Social de ABANCA, un medio transformador que posibilita o

desenvolvemento persoal a través da experimentación e o coñecemento. Os

diversos eventos expositivos que se deseñan no ámbito de artes plásticas buscan

potenciar ese crecemento.

A Sede Afundación A Coruña acollerá ata o 8 de febreiro «O noso

planeta», unha mostra realizada en primicia mundial en colaboración con

Netflix, a plataforma audiovisual produtora do documental homónimo no que se

inspira esta exposición, que nos seus dous primeiros meses aberta recibiu máis

de 12.000 visitas. A continuación, será a quenda de «Fóra de foco», na que a

Colección Afundación amosa por primeira vez a obra de artistas non galegos, con

pezas de Soledad Sevilla, Susy Gómez, Daniel Canogar ou Chema Álvargonzález,

entre outros. 

Tras «Sonoro empeño», aínda aberta en exclusiva para visitas de escolares

de carácter didáctico, poderase contemplar na Sede Afundación Vigo «O

noso planeta», que permanecerá na cidade olívica ata o mes de xuño. Con esta

mostra, Afundación incide na urxencia do coidado e del respecto polo contorno,

co fin de preservar condicións de vida adecuadas para as especies do planeta.

No Teatro Afundación Vigo, pola súa parte, recalará a mostra xurdida das

imaxes da fotógrafa Virginia Rota e o seu proxecto gañador do VI Premio Galicia

de Fotografía Contemporánea.

A «Fotografía contemporánea na Colección Telefónica» permanecerá aberta

ao público na Sede Afundación Santiago de Compostela ata o 26 de

xaneiro. A continuación, inaugurarase a proposta expositiva máis recente en

torno á Colección de Arte Afundación, «Con D de arte. Unha ollada infantil á

Colección de Arte Afundación máis contemporánea», unha mostra concibida

integralmente para os máis pequenos, adecuando, para iso, desde a selección de

obra ata a montaxe na sala.

A análise e a observación do patrimonio histórico, cultural e natural da

provincia ourensá articula a exposición desenvolvida pola Xunta de Galicia, a

través do Museo Arqueolóxico de Ourense, que acolle a Sede de Afundación

Ourense e denominada «Santomé, conxunto arqueolóxico natural». Pódese

visitar ata o 8 de marzo.

O sábado 11 de xaneiro clausurarase a mostra sobre o pintor ecuatoriano

Oswaldo Guayasamín, que permanece aberta na Sede Afundación Lugo desde o

26 de setembro. A actividade expositiva nesta localidade retomarase no mes de

marzo coa exposición «Papiromates», na que as matemáticas e a papiroflexia son

a base para a creación de pezas artísticas.

O Café Moderno Afundación de Pontevedra despedirá, tamén o sábado

11 de xaneiro, a exposición que desde o 23 de outubro pasado viña albergando.

«Con D de arte. Unha ollada infantil á Colección de Arte Afundación máis

contemporánea» clausurarase para dar paso, desde o 10 de febreiro, á mostra

organizada en colaboración coa Fundación General CSIC titulada «A vivir que son

cen anos» que reflexiona sobre a lonxevidade, un dos grandes logros da

humanidade.

A Sede Afundación Ferrol, pola súa parte, poñerá punto final o 25

de xaneiro a «Papiromates», tras case catro meses aberta ao público. O espazo prepararase

para acoller a súa seguinte mostra, realizada en colaboración con ABANCA, na

que se conmemora o centenario do equipo de fútbol da cidade, o Racing de

Ferrol.

Afundación desenvolverá unha programación expositiva nas súas sete sedes