viernes. 26.04.2024

A Asociación de

Actores e Actrices de Galicia xunto a Academia Galega de Teatro  alertan dun novo capítulo no desmantelamento

sistemático que a Xunta está a levar a cabo no Centro Dramático Galego (CDG) e

no Centro Coreográfico Galego (CCG), dúas institucións públicas de creación

escénica que dende fai dez anos padecen de forma continuada a mingua da súa

actividade, os recortes nos seus orzamentos, a asfixia burocrática e o puro

esmorecemento. Nesta ocasión, a Xunta ten a intención de laminar a xa escasa

autonomía do CDG, reducir as funcións da súa dirección e eliminar a súa

representatividade, e abrir as portas á completa externalización e

privatización das súas montaxes escénicas. No caso do Centro Coreográfico

Galego, a súa actividade quedará diluída na burocratización e a súa dirección

ficará sen funcións atribuídas. Estas son algunhas conclusións que se

desprenden do proxecto de decreto polo que se modificará parcialmente o

Estatuto da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), entidade integrada

na estrutura da Consellería de Cultura e Turismo e da que dependen tanto o CDG

coma o CCG. Así o explicaron en rolda de prensa Xose Barato, da AAAG, e Imma

António, de Academia Galega de Teatro, que denunciaron ademais que todas as

modificacións  se están a desenvolver de

costas ao sector, sen informar nin consultar ao groso das asociacións do tecido

profesional e explicaron que Músicas Ao Vivo apoian as preocupacións expostas e

este comunicado.  

O pasado 20 de

novembro, no pleno do Parlamento, o conselleiro de Cultura e Turismo, Román

Rodríguez, anunciou un novo Estatuto da Agadic, que viría a substituír o que

está en vigor dende 2012. Rodríguez asegurou que entre os cambios, atopábanse a

creación da figura do xerente da Agadic; a inclusión na axencia do Centro

Galego de Artes da Imaxe (CGAI) e a creación dun novo departamento de danza no que

se situará o Centro Coreográfico. Non obstante, o conselleiro omitiu outra

serie de cambios de maior calado que se descobren agora ao consultar o proxecto

de novo estatuto, que está pendurado

no portal de transparencia da Xunta de Galicia.

MODIFICACIÓNS NO CDG

O actual estatuto

da Agadic estipula que o titular do Departamento de Produción Teatral exerce

unha serie de funcións. Entre os seus cometidos, constan:

-Exercer

a dirección artística do Centro Dramático Galego

-Decidir

o plan de programación anual do CDG e, en particular, o do Salón Teatro.

-Seleccionar

e contratar as compañías artísticas e/ou produtoras encargadas de producir cada

espectáculo programado; facer a selección e o contrato dos artistas para

aqueles espectáculos que o requiran; e, en xeral, xestionar o programa de

actividades culturais do CDG.

-Exercer

a representación ordinaria do Centro.

Coa modificación

que ten en marcha a Xunta, reduciríanse sensiblemente estas competencias, xa

que o titular xa non decidirá o plan de programación anual, senón que

simplemente se encargará de “propoñer” o citado plan e entre as súas funcións

desaparece a representación ordinaria do Centro. Ademais, xa non terá a obriga

de “seleccionar e facer o contrato dos artistas”, senón que o seu papel se

limitará a “participar na selección dos artistas”.

Estes cambios

significan un recorte da autonomía da dirección do CDG, a supresión do seu

labor de representación e abre as portas á externalización e á privatización

das montaxes, xa que non se contempla a necesidade de que sexa a propia

institución pública quen se encargue da contratación e poderíase derivar a contratación

do elenco e do conxunto do equipo artístico a compañías privadas. Ademais,

considérase que estes inasumibles cambios chegaranlle como unha difícil

herdanza ao novo responsable do Departamento de Produción Teatral, posto aínda

vacante dende a marcha de Fefa Noia o pasado 1 de outubro.

CENTRO COREOGRÁFICO

Por outra banda, o

conselleiro de Cultura no seu anuncio na Cámara asegurou que a danza contaría

cun novo departamento no que se integraría o Centro Coreográfico. Porén, a

realidade que se recolle no Proxecto de Decreto é diferente. Se no Estatuto da

Agadic de 2012, se constituía un Departamento de Produción Coreográfica, na

mudanza que se está preparando, tal departamento substitúese por un novo

Departamento de Música e Danza. Entre as diferentes funcións do seu titular,

recóllese unicamente unha vaga referencia ao CCG: “Exercer a dirección do

Centro Coreográfico”. Deste xeito, desaparecen importantes cometidos:

“Seleccionar e contratar as compañías artísticas”, “facer a selección e o contrato

dos artistas”, “impulsar os acordos de cooperación e colaboración con outros

centros análogos” e “exercer a representación ordinaria do Centro”. Dende

Músicas ao Vivo, alértase ademais que este Departamento de Música e Danza

estará baleiro de contidos para o sector musical.

Na rolda, tamén se

quixo alertar ao respecto da situación do Centro Galego das Artes da Imaxe

(CGAI), xa que a través deste novo estatuto pasaría a adscribirse

funcionalmente á Agadic e a formar parte do Departamento de Produción

Audiovisual, abríndose a porta a que o titular deste departamento asuma as

competencias do posto de dirección do CGAI. Provocaríase así tamén unha perda

de independencia da filmoteca galega. 

A AAAG e a Academia Galega de Teatro alertan da privatización da actividade, o recorte...