Pobre serpe...

A recente desaparición dunha serpe que vivía cunha familia nun piso de Ferrol, non deixou a ninguén indiferente. Que se podía medir dous metros e terse escapado por unha tubeira e aparecer polo inodoro ou atacar a algunha persoa que crera que se trataba dunha broma... Tanto que unha vez a Policía alertou do sucedido, un dos veciños  chegou a pechar a tapa do váter con cinta illante.

A recente desaparición dunha serpe que vivía cunha familia nun piso de Ferrol, non deixou a ninguén indiferente. Que se podía medir dous metros e terse escapado por unha tubeira e aparecer polo inodoro ou atacar a algunha persoa que crera que se trataba dunha broma... Tanto que unha vez a Policía alertou do sucedido, un dos veciños  chegou a pechar a tapa do váter con cinta illante.

O sucedido, visto o balbordo xerado, podería converterse nun excelente guión para unha obra de teatro. A personaxe principal por suposto sería a serpe; a cal foi acollida hai catro anos, cando tiña apenas un mes, no piso dun home que vive coa súa filla. Como actores secundarios estarían os veciños, a Policía Local e un herpetógolo.

Como o desenlace non tivo lugar ata que pasaron oito días dende que a boa constrictor albina desapareceu, o seu interese estaría garantido de antemán; co ingrediente, ademais, de que desapareceu mentres a familia estaba mudándose de piso embalando caixas e maletas.

O primeiro acto da obra, a modo de presentación, podería reflectir a situación previa á desaparición da serpe nun ambiente tranquilo. E o segundo expoñería o sobresalto causado pola súa desaparición, amosando as diferentes reaccións dos actores.

Mentres o dono da boa repetía unha vez e outra que a xente podía estar tranquila porque había un 95 % de posibilidades de que a serpe estivera na súa casa e nunca mordeu a ninguén; os veciños, en cambio, entraron en pánico. Como o dependente dunha zapatería que dixo que non era unha broma, sobre todo para quen ten algunha mascota; ou a propietaria dun salón de peitado que se queixou de que varios clientes tiñan cancelado as súas citas.

Pola súa parte, a Policía transmitiu unha mensaxe de calma, aconsellando  que se alguén atopaba a serpe non se achegara a ela e os avisara. E un experto en réptiles (herpetólogo), despois de comentar que só podería morder de sentirse ameazada ou atacada, dixo que o incidente podía rematar de tres maneiras. No caso de que a serpe tivera saído do piso pola terraza, probablemente tiña morto polas temperaturas nocturnas; e, de seguir dentro, podería ter entrado nun estado de semiletargo durante bastante tempo. E no suposto de atopar unha fonte de calor, como unha neveira acendida, podería seguir activa e movéndose pola casa.

 

Ao final, emoción, impúxose a segunda tese; pois despois de varios días de suspense a serpe, de 1,5 metros de lonxitude, foi  atopada no interior do piso, aínda que non no terrario no que estaba senón dentro dunha caixa de cartón.

 

Tanto o dono como o herpetógolo, por tanto, acertaron nas súas predicións e todos acabaron felices, incluída a serpe, que despois de adquirir un protagonismo non buscado puido mudarse a súa nova casa como se merecía; pois o único que fixo, a pobre, foi durmir como unha santa sen decatarse de nada.