Imaxes falantes
Os sucesos que estamos a lembrar estes días, vendo a Xesús morrendo na Cruz, pasaron hai dous mil anos. As imaxes dos protagonistas desta historia, que pasaron polas nosas rúas, son arrepiantes. Aínda que a escena final, como nas boas películas, acaba ben.
O cambio que significou o que vimos respecto o que crían os xudeus -os nosos irmás maiores- é significativo; pois o que ata ese momento se nos presentaba como un Deus omnipotente e, as veces, implacable, mudou nun Deus que é tenrura é amor.
O que puidemos contemplar non é produto da imaxinación, senón algo que sucedeu nun preciso momento da historia. Aquel no que Tiberio era emperador do Imperio romano, Poncio Pilato procurador de Xudea, e Herodes tetrarca de Galilea.
O que nos contan as imaxes que portaban os costaleros está escrito con bastante detalle nos evanxeos, existindo numerosas referencias de Xesús noutros libros da época. Como, por exemplo, nos dos historiadores romanos Flavio Josefo, Tácito e Suetonio.
No que atinxe aos seus milagres, pode dicirse outro tanto, pois a maioría tiveron lugar diante dun grande número persoas. O cal non significa que todos creran en Xesús, comezando polos líderes relixiosos, que o acusaban de blasfemar por dicir que era o Fillo de Deus.
Sobre a resurrección podería dicirse o mesmo, pois nunha das súas cartas, San Paulo din que aínda viven ao redor de cincocentas persoas que o viron despois da súa morte; remitindo a elas -a máis de a el mesmo- como testemuñas.
O legado de Xesús na historia é moi grande, tanto que nunha gran parte do mundo o calendario que utilizamos fai referencia ao seu nacemento. Pero o decisivo, sobre todo, é o novo posible modo de vivir que -indo por diante- nos transmitiu.
Nas procesións isto non se explica, pero se deduce. Tendo todo o poder, Xesús non o utilizou para si senón para os demais e cunha xenerosidade sen límites; repetindo unha e outra vez que o amor a Deus e ao outro -calquera que sexa- van xuntos e sen iso aquel se esfuma.
De seguir o seu camiño, o mundo sería distinto. Se as imaxes que vimos estes días souberan falar, probablemente nos dirían que para que se nos pegue a súa maneira de sentir, mirar e facer, non hai nada como preguntarlle directamente a El e seguir os seus pasos coa súa axuda.