Grazas Breogán
Ao día seguinte de chegar a Matadepera para pasar as vacacións este mes, misteriosamente, volveu a chover; aínda que esta vez con gran forza e durante varios días seguidos. Como tres das últimas catro veces que fun a Barcelona dende Santiago choveu, de decatarse a Generalitat, de seguro que me ofrece viaxar de balde para acabar coa seca. Será que arrastro a auga cara a Catalunya -pensarán- grazas a Breogán?
A viaxe fíxena en coche, parando a durmir no Hotel Rausan -preto de Huesca- onde paran moitos camioneiros. Para non perder tempo levei bebidas e bocadillos, acabando comendo estes mollados porque o tapón da botella da que bebía de cando en vez non pechaba ben e estaba enriba deles.
Como ao chegar a Matadepera eran as festas, puiden ver Castellers e sardanas e falar co alcalde -a quen non coñecía-. Ao carón da igrexa tiñan preparado un pequeno espazo para a practica do hóckey herba, pois alá os nenos nacen cun stick na man e cando medran gañan medallas olímpicas. Despois subín a un tren chamado “A Serpe” no que ían cativos de seis anos porque miña irmá pequena non quixo subir a outra atracción máis espectacular, chamada “O Polvo”, que subía e baixaba vertixinosamente.
Ao pasear por un bosque da vila resbalei e caín nunha silva, acabando sangrando por andar con zapatillas lisas; aínda que despois de escoitar My way, habaneras, flamenco e cancións de Lluís Llach a un grupo musical no polideportivo, recuperei rapidamente o ánimo. Diante tiña unha nena con síndrome de Down que non parou de sorrir en ningún momento. Movía seus brazos cara á dereita e á esquerda seguindo a música coa súa nai, sendo claramente quen máis gozou das actuacións.
A semana seguinte fun a buscar setas a La Molina con dous amigos que decidiron levar tres cestos para que que quedara claro o esforzo de cada un. Como un tiña a gota nun pé, ofrecinme a levar o seu cesto para que a cousa quedara máis diluída. Ao final só collemos doce níscalos e dous pés de rata, pero pagou a pena. Durante a saída, Ciscu -veciño da zona- contounos que a primeira vez que as vacas entraron na súa casa chamou ao concello pedindo axuda para botalas fora. A cousa é moi sinxela -dixéronlle-: colles un pao e posche diante dunha vaca a unha determinada distancia. Se queres que vaia á dereita pos o pao vertical cara á esquerda, e se queres que vaia á esquerda cara á dereita; e despois séguena todas. E se están no medio da estrada e queres sacalas, para que a cousa funcione, pon diante as adultas e as crías atrás.
Na visita que fixen a Barcelona cun amigo fomos a Montjuic, ás Ramblas e a ver cousas de Gaudí e paramos un tranvía na Diagonal tres minutos porque, ao tentar cruzala en coche, o semáforo se puxo vermello; e, aínda que o noso coche ocupaba unha parte da vía do tranvía, non nos movemos porque os coches que viñan pola Diagonal pasaban a un palmo do noso.
Máis adiante todos os irmáns fomos tres días a La Cerdanya, onde aproveitamos para facer sendeirismo preto de Puigcerdá; deixando a viaxe que pensabamos facer á Cerdanya francesa para 2025 porque o famoso Tren amarelo que a percorre 60 quilómetros a 30 qm/h ofrece unhas magníficas vistas das montañas e merece dedicarlle todo un día completo.
Ao rematar de escribir estas liñas, antes de iniciar a viaxe de volta, a choiva volveu a aparecer con intensidade milagrosamente; recordando a todos que Breogán é capaz de regalar auga a caudais a todos quen, como eu, cren nel. Moitas grazas pola túa axuda, Breogán!