Emprego e fluxos migratorios

O pasado día 7 o Banco de España publicou un informe sobre os inmigrantes que chegan a España e outros países da Unión Europea destacando como, sen estes fluxos migratorios, en 2022 a poboación tiña descendido en España, Alemaña, Italia e Países Baixos.

O pasado día 7 o Banco de España publicou un informe sobre os inmigrantes que chegan a España e outros países da Unión Europea destacando como, sen estes fluxos migratorios, en 2022 a poboación tiña descendido en España, Alemaña, Italia e Países Baixos.

Por outra banda, tamén constatou que a taxa de participación no mercado laboral dos estranxeiros que residen en España é unha das máis altas da UE e a súa taxa de participación é máis alta que a dos nacionais.

En canto á orixe dos inmigrantes, así como en España, Italia e Suecia predominan as entradas de inmigrantes procedentes de fóra da UE (entre o 60% e o 80% do total desde que se dispón de datos), en Alemaña e Países Baixos supoñen menos do 50% agás os anos en que chegaron refuxiados de Siria e Ucraína.

En España os inmigrantes proceden principalmente de Latinoamérica, polo que constitúen un colectivo máis homoxéneo e culturalmente máis próximo ao país de destino que os que se dirixen a outros países europeos; e hai maior presenza de mulleres.

Ademais, a idade media dos estranxeiros residentes en España (40,8 anos en 2023) segue sendo inferior á dos residentes nacionais (44,3 anos); a diferenza do que ocorre en Alemaña, Francia, Países Baixos e Suecia, onde é máis elevada. E o nivel medio de educación dos que chegaron a España era máis elevado que o dos que chegaron a Alemaña e Italia (datos de 2022). En concreto, os que tiñan estudos terciarios representaban un 43% en España, un 38% en Alemaña e un 15% en Italia.

Como afirma o informe do Banco de España, a chegada de migrantes á UE supón un impulso á forza laboral dos países receptores, debido a que unha gran maioría presentan idades entre 15 e 64 anos. Ao redor do 80% de quen chegou a España no período 2012-2022 estaban en idade laboral. Ademais, a diferenza do que ocorre na maioría dos países da UE, en España e Italia dita taxa é máis elevada que a dos nacionais.  

Unha cuestión relacionada con isto é o percorrido que teña a Iniciativa lexislativa popular para a regularización extraordinaria de inmigrantes presentada por diversas entidades sociais, que o Congreso admitiu a trámite por unha ampla maioría; pois de aprobarse estableceríase un procedemento para a regularización dos estranxeiros que se atopen en territorio español antes do 1 de novembro de 2021. Segundo algunhas estimacións, dita medida podería beneficiar a 500.000 persoas; o cal lles permitiría incorporarse ao mercado laboral e levar unha vida digna, facilitaría a cobertura de numerosos postos de traballo que as empresas non poden cubrir e supoñería unha forte inxección económica vía impostos e á Seguridade Social.