Día Internacional para a erradicación da pobreza
Na xornada organizada pola Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social (EAPN- España) con motivo dese día, puidéronse escoitar un gran número de propostas.
España é o terceiro país coa maior taxa AROPE da Unión Europea, por detrás de Romanía (32%) e Bulgaria (30%). En concreto, segundo os últimos datos de 2023, o 26,5% da poboación española (12,7 millóns de persoas) están en risco de pobreza e/ou exclusión social.
O aumento do PIB non é suficiente para a redución da pobreza e para acadala necesítanse máis recursos, aínda que se estes non se focalizan nas políticas de inclusión social a situación non mellorará. Para reducila, as transferencias de todas as Administracións públicas -incluída a UE- teñen que dirixirse á inclusión social, pois estamos nun Estado compartido. E se queremos acabar coa desigualdade social e económica, é preciso dispor dun sistema fiscal cunha maior recadación tributaria.
É necesario garantir unha vida digna a todos. As persoas pobres non chegan a fin de mes, teñen unha alimentación deficiente en calidade e cantidade, e viven nunha vivenda con frío en inverno e sufocante no verán. Ademais non son só pobres quen non traballan, pois hai moitos traballadores pobres que non chegan a fin de mes por non poder pagar o alugueiro ou a enerxía para quentar a súa casa.
Vivimos nunha sociedade que se empeña en ocultar a pobreza e para abordala é preciso defender ao dereito á vivenda, as pensións e os salarios dignos, o reforzo de rendas mínimas -o Ingreso Mínimo Vital non chegou a todos- e uns servizos sociais sólidos.
As veces fálase por segmentos de pobreza infantil, pobreza feminina, pobreza enerxética, pobreza farmacéutica... pero as familias non falan así, senón de que non chegan para poder comprar alimentos ou para o que necesita o neno ou o avó. Elas non segmentan, pero para loitar contra a pobreza hai que facelo en todos os sectores.
A taxa de pobreza infantil en España é moi alta, pois o 28,9% dos nenos e adolescentes é pobre e unha análise evolutiva dos datos reflicte que é estrutural. Os nenos teñen que estar mellor alimentados, ter máis tempo de lecer e de tempo libre san e de mais calidade.
A situación da vivenda é dramática e cada vez vai deixando máis xente nesa situación. Hai persoas que nominalmente non están en pobreza, pero é como se o estiveran debido a que deben pagar o alugueiro. Dino ata o Banco de España, que se pregunta que está a pasar co alugueiro das habitacións e por iso hai que regulalo.
Se xuntamos todos os datos, a conclusión é que non imos solucionalo senón hai apoios de políticas de coidados e de conciliación. Sen estas, unha medida encamiñada ao acadar ou mellorar o emprego non se pode solucionar. Igual que a situación da vivenda dos novos non se poderá solucionar senón se actúa para solventar a súa precariedade laboral. Ademais estes problemas non se solucionan nos servizos sociais e para arranxalos deben implicarse todos os departamentos, dende Facenda a Vivenda ou Sanidade.
A inmensa maioría de persoas en situación de pobreza son españolas, en torno ao 80%. A poboación migrante está en peor situación de pobreza pero non cambia os números. Están así porque así témolo decidido, porque os poñemos en situación de irregularidade. A máis de non ser ético, é estúpido: temos que facilitarlles a posibilidade de traballar.
O IMV tería que chegar a máis xente, incluídos os novos de 18 a 22 anos; reducir a burocracia; afinar no que son as unidades de convivencia; e revisar o requisito de que o acceso sexa en función da renda do ano anterior.
Falar de pobreza é unha cuestión de xustiza e dignidade.