Chancletas

A miña opinión sobre as chancletas cambiou bastante nos últimos anos. Así como hai anos levar chancletas fora da piscina ou a praia considerábase unha horterada, hoxe non tanto; esgrimíndose razóns de comodidade.

A miña opinión sobre as chancletas cambiou bastante nos últimos anos. Así como hai anos levar chancletas fora da piscina ou a praia considerábase unha horterada, hoxe non tanto; esgrimíndose razóns de comodidade.

Que a chancleta é útil non o discute ninguén, pois é un calzado aberto que se suxeita ao pe cuns tirantes que van entre dous dedos ata o talón e nunca preme; o cal non é pouco. Cuestión distinta é se podes ir con elas á clase, ao traballo ou a unha voda.

Tamén é certo que a opinión sobre as chancletas de quen vivimos en Santiago, ao cruzarnos continuamente con centos delas, é máis comprensiva; pois bastantes peregrinos lévanas aínda que choiva.

Probablemente comecei a mirar as chancletas con simpatía despois de comprobar que as levaban os peregrinos e quen estaban de vacacións. A ver cando chega agosto dunha vez e poido levalas tamén -pensaba-: Que sorte teñen!

Máis tarde caín na conta de que a miña paixón polas chancletas, máis que por iso, era porque representan unha opción por unha actitude ante a vida serena e optimista. As chancletas, polo xeral, lévanas quen saben gozar da vida como Deus manda, non si?

As características da vida actual, en moitos casos, esixen lidar con moitas cousas á vez, horarios apertados e poucos espazos de descanso entre unhas e outras. O perigo disto  para moitas persoas é grande, producíndolles a sensación de que van a estrelarse na próxima curva porque non poden con todo.

Dende este punto de vista, a chancleta é unha postura que pretende dicir algo parecido a “ata aquí chegamos”; sen que isto signifique deixar de poñer o ombro en sacar adiante o que paga a pena.  

Vistas así, as chancletas son un calzado moi machadiano, no sentido do famoso “despacito y buena letra: El hacer las cosas bien, importa más que el hacerlas”. Igual que levalas non implica negarse a ser polivalente o multifuncional, pois unha cousa é ser capaz de desempeñar un abano de múltiples funcións e outra ter que realizalas todas á vez.

Vistas dun xeito superficial as chancletas poderían parecer antisistema, pero isto é unha falacia. Se unha cousa pode facerse sen estrés, por que facela con este dentro? Diminuílo ou evitalo, cando se pode, é unha arte; pois quen o consigue traballa e resolve as cousas moito mellor. Igual que ser quen de centrarse no que toca facer en cada momento, sen angustiarse polo que pasará dentro dun mes ou de dez anos.

Cando fas as cousas como se levaras chancletas, aínda que non as leves, todo sae mellor; pois é unha actitude mental que leva a afrontar as cousas como cando un está de vacacións, compatibilizando a calma -iso si- co esforzo.

Como dicía Kierkegaard, “a arte é unha forma de ver a única realidade, que é distinta para todos”. Por iso contemplar o que nos arrodea como se levaramos chancletas, é algo moi san.