A estrela de Belén
A estrela de Belén xa leva varias semanas movéndose polo ceo, dirección Belén. Aínda que é pequeniña, sempre que lle toca facelo énchese de orgullo, pois a súa viaxe non é nada sinxela. Ter que acertar unha vez máis a ruta en solitario ponlle dos nervios porque chegar á gruta, aínda que xa o fixo outras 2.023 veces máis, esíxelle unha gran concentración para non perderse.
Se a miña viaxe para guiar aos Reis magos e os pastores a Belén estoupa -adoita pensar-, miúdo desastre! Aínda que, polo menos, aparecerían os anxos, que estes si saben.
Polo que a estrela contou unha vez a un pastor, a dificultade da viaxe non estriba só na longa travesía intergaláctica que ten que facer senón porque os seus movementos, a máis, deben pasar inadvertidos co fin de non levantar sospeitas que obriguen a Xosé e a María a chegar a un sitio distinto da gruta, para evitar riscos innecesarios.
Segundo as instrucións recibidas, a estrela debe comezar a súa viaxe dous meses antes do Nadal para guiar aos Reis sen que se decate ninguén máis; o cal vén ser o mesmo que pintar a cuadratura do círculo.
A viaxe deste ano, segundo un observatorio astrofísico que preferiu manter o anonimato, de momento vai ben; pois os Reis están a seguir a estrela de acordo co previsto, a pesar de algún que outro malentendido. Pola súa banda os pastores, terán que esperar ao momento final como sempre.
Agás que xurda un imprevisto, o vindeiro 24 pola noite os anxos, os Reis e os pastores que estiveron no primeiro Nadal da historia volverán a reunirse outra vez na gruta; pois, aínda que ninguén o saiba, teñen o privilexio de volver a ela cada ano.
Aínda que o que máis ilusiona a estrela, sobre todo, é que xunto aqueles estea todo o mundo que poida; veña de onde veña, fale a lingua que fale, ou coñeza ou non ao Neno que vai nacer.
Cando o pastor amigo da estrela díxolle que non entendía isto último porque na gruta sempre atopaba os mesmos personaxes, a estrela contestoulle que non se refería a unha presenza física senón espiritual.
A primeira vez que fixen a viaxe a Belén -continuou a estrela - non sabía quen era o Neno; aínda que dende o principio intuín que era alguén moi especial. Pero unha vez creceu e comezou a curar todo tipo de doentes, multiplicar pans, calmar tempestades e amosarnos a tenrura de Deus con todos e cada un de nós, caín na conta de quen e como era.
Se os homes e os astros como eu -rematou a estrela- decidísemonos a vivir cara aos demais como El, o mundo sería distinto; pois sempre utilizou o seu poder en servizo dos outros e non para El, cunha magnanimidade que conmove ata as mesmas estrelas. Comezando por min, que dende que nacín, percorrín o universo enteiro unha morea de veces e nunca vin nada igual.