Vitimismo
Vexo a Joan Laporta choromicar en Twitter: “El Barça es víctima de una campaña contra su honorabilidad en la que ahora ya están todos [polo Real Madrid, que vén de sumarse á causa aberta pola Fiscalía polo caso Negreira]. Un vitimismo que –témome– a realidade pode moi ben botar por terra, porque o asunto cheira moi mal: o certo –porque foi recoñecido polo propio club– é que o Barcelona pagou durante alomenos vinte anos ao vicepresidente do Comité de Árbitros grandes cantidades de cartos (máis de medio millón de euros só entre 2016 e 2018). E para que? Iso é o que se debe determinar, mais todo apunta a que para que lle favorecesen sistematicamente. E abofé que semella que o fixeron: os azulgrana estiveron máis de dous anos, entre 2016 e 2018, sen que lles pitaran un penalti en contra na Liga. Porén, sospeito que, aínda que o escándalo se confirme, o Barcelona acabará zafándose e a sanción, se a houber, será ridícula. Por menos outros históricos equipos europeos, como a Juventus, foron descendidos a segunda división e desposuídos de títulos.
Non me sorprende xa o vitimismo do nacionalismo catalán. Si, porque o Barça é –sempre foi– o buque insignia do catalanismo político, e, incriblemente, a Federación Española de Fútbol e mais a UEFA sempre miraron para outro lado, cando –como é sabido– os clubes de fútbol teñen terminantemente prohibido facer política. Digo que a estas alturas non me sorprende o vitimismo do nacionalismo catalán, que eu descubrín –e daquela si que me sorprendeu, pois non tiña por vitimistas aos cataláns– cando o procés. Xa saben, “España nos roba” e bla, bla, bla.
Non me resisto a comparar este vitimismo catalán, baseado moitas veces na mentira –ata inventaron un pasado nacional–, co comportamento recorrente dos galegos, con moitas máis razóns para nos queixar, e permítanme que me inclúa, aínda que só sexa galego de adopción. Ao meu parecer, o noso é un proceder moito máis digno. Nós podemos ser ás veces conformistas, resignados, pouco combativos, como apuntou Castelao no texto dunha das súas viñetas máis famosas: “En Galicia non se pide nada; emígrase”. Ou como denota outra famosísima frase: “Mexan por nós e temos que dicir que chove”. Xosé Luís Barreiro Rivas explicouno moi ben nun vello artigo sobre a retranca: “Os galegos padecemos un proceso mórbido de dobre personalidade –entre o suicidio do monte Medulio e a submisión enfermiza ao cacique–, pero desequilibrada, xa que pasamos o noventa por cento do tempo aturando como chaíñas e só o dez por cento loitando como heroes indomables”. Si, os galegos podemos loitar máis ou menos, pero non practicamos nunca o vitimismo –e menos mentindo–, e, se non loitamos, alomenos buscamos unha solución aos nosos problemas por nós mesmos, aínda que sexa emigrar.