Verbenas

As verbenas e as orquestras, as orquestras e as verbenas –tanto montan, montan tanto: dicir verbenas é dicir orquestras, e viceversa– teñen desde hai moito tempo unha grande importancia en toda España, disque especialmente no Levante, mais de seguro que en ningures como en Galicia. Este foi un dos aspectos sobre a idiosincrasia dos galegos que descubrín axiña cando vin vivir aquí. Seica hai unhas 400 orquestras en toda a comunidade autónoma, con case 6.000 actuacións todos os anos nas preto de 4.000 parroquias.
As verbenas e as orquestras, as orquestras e as verbenas –tanto montan, montan tanto: dicir verbenas é dicir orquestras, e viceversa– teñen desde hai moito tempo unha grande importancia en toda España, disque especialmente no Levante, mais de seguro que en ningures como en Galicia. Este foi un dos aspectos sobre a idiosincrasia dos galegos que descubrín axiña cando vin vivir aquí. Seica hai unhas 400 orquestras en toda a comunidade autónoma, con case 6.000 actuacións todos os anos nas preto de 4.000 parroquias. A rivalidade entre as adeas próximas para traeren as mellores orquestras fai que localidades de poucos centos de habitantes cheguen a gastar moitísimos cartos na empresa, recadados a maioría das veces polos propios veciños. Un exemplo paradigmático e recente atopámolo en Belcrime, unha aldea de 40 habitantes de Vilamarín (Ourense), que en outubro do ano pasado conseguiu reunir a París de Noia e Olympus, congregando 4.000 persoas. Porque esa é outra: nas últimas décadas, as orquestras arrastran o fenómeno fan e son milleiros de persoas as que andan todos os veráns polas estradas secundarias de verbena en verbena seguindo as súas formacións favoritas.

Agora que setembro atópase máis que avanzado e a tempada das orquestras está a piques de rematar ata maio do ano que vén, quero render unha sentida homenaxe a este mundo particular. É sabido que desde hai moitos anos existe en Galicia unha santa triada de orquestras formada por París de Noia, Panorama e o Combo Dominicano, cuxos membros –os do Combo–, como indica o seu nome, naceron na República Dominicana e radicáronse logo en Galicia tras pasaren polas illas Canarias. París de Noia e Panorama –cuxo caché aseméllase ao de artistas pop españois ben coñecidos– foron, precisamente, os grandes reponsables de que hoxe en día o fenómeno da verbena vaia moito máis alá dun grupo virtuoso de cantantes e músicos en escena para se converter nun espectáculo abraiante de luz e son que nada ten que envexar ao das estrellas do rock.

Pero quero acordarme tamén doutras orquestras históricas, a comezar pola Compostela, a máis antiga de todas as que continúan en activo, que cumpriu xa os 104 anos de vida, pois foi fundada alá por 1919. Nos anos 90 do século pasado, cando eu vivía en Santiago, cheguei a estar na oficina que tiña na rúa do Franco quen foi o seu propietario e director histórico, Manuel Muñiz, que a dirixiu durante 69 anos –outro récord– ata a súa morte en 2011. Muñiz foi propietario tamén doutras orquestras, ademais de representante dalgúns dos cantantes pop máis relevantes de Galicia, como Ana Kiro –para quen compuxo a inesquecible Galicia, terra meiga a partir dun tema popular–, Pili Pampín ou Sabela. Por certo que o cantante da Compostela Miguel Torres acadou tamén outro récord cos seus 32 anos de permanencia na orquestra.

Cómpreme citar tamén os Satélites da Coruña, á que Muñiz mencionaba a finais dos anos 80 como a mellor orquestra galega nun programa da TVG presentado por Pepe Domingo Castaño, logo grande animador dos programas deportivos da radio española. Fundada en plena guerra civil, por un dos mellores saxofonistas de Galicia, Manuel Otero Mariñas, a maioría dos seus músicos proviñan das bandas militares nas que tocaban durante o conflito bélico. Foi a primeira orquestra española que viaxou a América, en 1955, con Pucho Boedo como solista, e a orquestra titular dalgúns programas de TVE e Telecinco, como “Aplauso”.

Compráceme rematar este artigo co gran Pucho, que estivera antes en Os Trovadores –fundada en 1953– e lideraría logo Os Tamara (1958), o primeiro grupo pop galego, que aínda conservaba moito de orquestra. Os Tamara tiveron dous grandes artífices: Pucho e Prudencio Romo, compositor e director artístico da formación, que en 1964 creou a que se considera a primeira canción pop en galego, Galicia, terra nosa. Así que pasamos de Galicia, terra meiga de Muñiz a Galicia, terra nosa de Romo. Unha boa forma de pechar o círculo e este texto.