Slogans electorais
Non son experto en márketing político nin en propaganda electoral, pero veño de ver os carteis dos catro partidos principais para as eleccións locais de Vigo e apetéceme comentar algo sobre os slogans. Comezarei polo do PSOE, aínda que debería dicir mellor por Abel Caballero, porque, como xa fixera nas eleccións de 2019, eliminou do cartel toda referencia ao partido. É sabido que desde hai tempo, os candidatos aos comicios locais e mesmo autonómicos minimizan o nome da súa formación nos carteis, porque resta máis que suma, pero Caballero é o único dos catro candidatos que o borrou de todo. Mais falemos do slogan, que é ao que ía. O alcalde asáltanos cun “Somos Vigo. Falan os feitos” que merece unha análise por partes. O de “Somos Vigo” sóame un tanto pretencioso, por non dicir excluínte: Vigo sonche eu e quen non está comigo é o antiVigo. É un recurso moi utilizado polos nacionalistas –“Cataluña somos nós”, “Euskadi somos nós”, “Galicia somos nós”, “España somos nós”–, pero que, como se ve, resulta moi tentador para calquera. Polo demais, “Falan os feitos” non é nada orixinal, pero ten a virtude de gardar unha relación directa coa mensaxe habitual de Caballero: estamos a construír un novo Vigo, no paramos de facer cousas, obras son amores e non boas razóns. Pero este slogan máis ou menos acaído é estragado decontado ao se lle engadir un segundo que reza “Viga Vigo!”. Alén do que diga ou deixe de dicir este outro texto, paréceme un erro incluír dous slogans nun mesmo cartel. De feito, é a primeira vez que o vexo. O slogan electoral ten que ser como unha puñada: breve, directo, contundente. Se engades un segundo, todo este efecto pérdese. Ademais –e falo xa do contido concreto do slogan–, iso de “Viva Vigo!”, aínda que é unha frase recorrente de Caballero e, nese sentido, pode parecer ben traída, sóame populacheiro, pachangueiro. Recórdame o “Viva o viño!” que berrou Rajoy nalgunha festa vitivinícola galega e que despois, descontextualizado, foi moi utilizado para botarmos unha risas.
Mais falemos xa do slogan do PP: “En Vigo todo es posible”. (En castelán, por certo. É o único slogan dos catro abertamente nesta lingua. Digo “abertamente” porque o de Podemos-Marea de Vigo, como veremos decontado, reza: “Recuperemos Vigo”, que o mesmo pode ser galego que castelán, aínda que imaxino que pretende ser galego). Non sei se apunta un horizonte bo ou malo, porque, ata o de agora e desde sempre, en Vigo todo ten sido posible, pero moitas veces para mal. Sendo malicioso, e tendo en conta a traxectoria desta cidade e da maioría dos seus gobernos locais –de toda cor–, sóame como: “Preparádevos, que o peor aínda está por vir”.
E chega a quenda do BNG: “Vigo merece máis”. Que me perdoe o seu candidato, Xabier Pérez Igrexas, a quen non coñezo en absoluto e, xa que logo, de quen non teño opinión ningunha, pero ver a súa faciana no cartel a carón dese slogan faime pensar irremediablemente que a frase vai por el: “Vigo merece máis ca min”. Alén de que Vigo mereza ou non algo máis, o slogan préstase ao chiste fácil, ou polo menos eu non podo reprimir facelo.
E remato con Podemos-Marea de Vigo: “Recuperemos Vigo”. Que Vigo queren recuperar? O dos gobernos do PP? O do goberno do BNG en coalición co PSOE? Porque eles nunca gobernaron a cidade. A que Arcadia feliz se remiten? Ou falan da súa particular “reconquista”?: Recuperemos Vigo para nós. A rúa é nosa. Vigo é noso. Vigo, en definitiva, somos nós, como di Caballero deles.
En fin, catro slogans para captar o voto dos cidadáns. Call lles gusta máis? En cal van picar?