Propósitos de ano novo
Comeza un novo ano e, coma sempre, moitos facemos a nosa particular lista de bos propósitos para estes doce meses por estrear.
O home ten o hábito de dividir o tempo cronolóxico en séculos, décadas, anos, meses, semanas, días, horas, etc. E fai moi ben: paréceme un costume moi intelixente, porque permite, sen dúbida, poñerse metas a curto, medio e longo prazo. Metas que, á súa vez, nos axudan a levar adiante os nosos proxectos e a desenvolver as nosas capacidades como persoas. Especialmente interesantes e útiles parécenme as metas realistas a curto prazo –e subliño o de realistas–, acompañadas sempre dun horizonte a medio e longo que funciona coma un faro.
Ás veces nos preguntan ou nos preguntamos a nós mesmos: se tiveres un millón de euros para gastar –ou cen mil, ou dez mil, ou o que for–, como o gastarías? E fabulamos en gastalo nisto ou naquilo, desta ou daqueloutra maneira, dependendo dos nosos gustos e necesidades. Pois ben, todos os uns de xaneiro temos por diante un ano enteiro –trescentos sesenta e cinco días– para gastarmos, para utilizarmos da forma que nos pareza mellor, dentro, loxicamente, das nosas posibilidades. Un luxo, sen dúbida.
Se eu for masoquista (e perdónenme o chiste), a miña particular listaxe de propósitos para 2025 non sería moi diferente desta: comezar a fumar, facer menos exercicio físico, desaprender inglés, comer peor, facer menos vida social, visitar menos os meus pais, deixar de falar ao meu irmán, divorciarme (aínda que talvez cumpra eliminar este último, porque o divorcio, se antes era un mal, agora semella un ben).
Pero como aínda non son masoquista, a miña relación de propósitos para o ano novo ha ser outra. Os profesionais das unidades de coidados paliativos axudan as persoas que están próximas á morte a evaluaren as súas vidas de forma retrospectiva, de maneira que inevitablemente xorde a pregunta de de que se arrepinten máis ou como vivirían as súas existencias se puidesen volver nacer. E seica os arrepentimentos máis frecuentes son non seguir os propios soños, traballar demasiado e non dedicar tempo suficiente á familia, non expresar sentimentos, non conservar amizades, e non ser feliz, aínda que este último é complexo, porque cada persoa ten a súa percepción da felicidade. Pois ben, velaquí temos –creo eu– unha excelente lista de bos propósitos que podemos tentar pór en práctica este novo ano e todos os que veñan. Eu resumiríaos nun: cultivar máis e mellor as relacións persoais, amar máis e mellor (se é que se pode amar mal) os nosos familiares, os nosos amigos e, en fin, a todos aqueles cos que tratemos. Ao cabo, a felicidade –alén das diversas concepcións persoais que teñamos dela– semella consistir niso: en amar e deixarse amar. Eu, polo menos, vouno procurar facer.