Pepe Domingo Castaño
Souben del moi cedo, pola súa canción “Neniña” –que moitos de nós pensabamos que se titulaba “Viste pantalón vaquero”, por ser este o seu verso máis popular–, que foi número un de “Los 40 Principales” en 1975. Recordo que tiñamos o single na casa e a min, cos meus oito ou nove anos, gustábame moito escoitalo. Por certo que en 1979 obitvo outro exitazo musical con “Motivos”, pola que acadou un Disco de Ouro en México.
A seguinte lembranza que teño de Pepe Domingo sitúao xa na televisión. De seguro que o vin en “La Casa del Reloj” –o programa infantil de TVE que aledou a miña primeira infancia xunto con “Los Chiripitifláuticos”–, aínda que lembro máis ben outros presentadores como Miguel Villa, Manolo Portillo ou Paula Gardoqui. Porén, o recordo máis vivido que gardo daqueles días é unha anécdota que ten que ver cun deses programas musicais que presentou nos seus primeros tempos en TVE, coido que “Voces a 45” (polo número das revolucións dos singles). O espazo emitíase en directo e houbo un apagón no plató que me quedou gravado ata hoxe.
Despois chegou “300 millones”, un programa excelente co que acadou unha grande popularidade e eu comecei, aínda na miña a preadolescencia, a sentir fascinación por América as súas músicas.
Pepe Domingo virou logo cara á radio. Triunfou una SER con “El gran musical”, mais axiña virou cara a radio deportiva, primeiro, durante mucho tiempo, no “Carrusel deportivo”, tamén na SER, e logo, desde hace unos años, en “Tiempo de juego” da COPE, ao lado de Paco González, que hoxe o chora como un fillo orfo. Na radio reinventou a publicidade cunha morea de cuñas en directo cheas de humor e creatividade. O seu “¡Pepe, un purito!” quedará para a posteridade, como o seu “¡Hola, hola!” co que iniciaba sempre o seu discurso na radio e que estes días está a ser o saúdo ritual de todos os que se resisten a despedilo.Cando a pandemia de covid, estivo mesmo a piques de morrer. Se cadra o seu sorprendente pasamento ten algo que ver coas secuelas daquilo. O que si sei é que, tras se recuperar, reapareceu na COPE repasando a súa vida profesional e persoal nunha entrañable entrevista que me axudou a coñecer aínda mellor a súa figura e que recordarei sempre con pracer. Pouco despois publicou a súa autobiografía, Hasta que se me acaben las palabras, que aínda teño pendente de ler e na que, curiosamente, adiantaba que morrería un día con choiva, igual que fixera moitos anos antes o poeta peruano César Vallejo (“Me moriré en París, con aguacero, un día del cual tengo ya el recuerdo”). Non debe sorprendernos: Pepe Domingo foi tamén –e sobre todo, segundo din os que mellor o coñeceron– un poeta. De feito, en 2008 publicou o poemario Debajo de la parra.
Eu sabía que era un personaxe querido por propios e estraños, pero en Galicia descubrín ata que punto –era fillo predilecto de Padrón, onde ten ademais unha praza co seu nome–, e agora, co gallo da súa morte, moito máis, en Galicia e en todas as partes. Mesmo este pasado domingo gardouse un minuto de silencio por el antes dos partidos da Liga que se disputaron, unha honra moi rara para un locutor deportivo.
Pepe Domingo fixo moitas cousas e todas moi ben, pero o principal legado que nos deixa é a súa bonhomía e o seu extraordinario amor pola vida. Foi un vitalista, un gozador, unha desas persoas que se bebe a vida a tragos –literalmente: desfrutaba moito bebendo, comendo e celebrando cos seus amigos–. É o que os que hoxe o choran queren destacar por riba de todo. Por iso remato reproducindo as declaración de dous deles, os xornalistas Manolo Lama e Luís Ventoso: “Lo mejor que nos deja es el sentimiento de saber vivir; el aprender que estamos de paso, que tenemos que intentar ser buena gente y aprovechar el regalo de Dios que es vivir” (Manolo Lama). “Sabía que al final, cuando se pasa el cedazo que bloquea las frivolidades, lo único valioso aquí abajo son la familia y los amigos, capítulo que veneraba, sabedor de que cada persona es irrepetible” (Luís Ventoso).