Miguel Ángel
Houbo un tempo en que cando un falaba de Miguel Ángel non o facía do pintor, senón dun futbolista, igual que cando, vinte anos despois, un falaba de Roberto Carlos non o facía do cantante, senón doutro futbolista.
De neno eu xa era do Atlético de Madrid, pero tamén me gustaban moito outros equipos como o Real Madrid, o Barcelona e o Athletic de Bilbao. Cando un é cativo, a ausencia de prexuízos e a marabilla da descuberta permanente da vida fan que esteas aberto a todo o bo. O Real Madrid e o Barcelona gustábanme por razóns obvias: eran, co Atlético, os mellores equipos da Liga; o Athletic de Bilbao, porque tamén era un grande: daquela, aínda o rei de copas, título que perdería pouco despois en favor do Barça. Pero no caso de Athletic había outro factor decisivo: na casa (viviamos en Logroño) comprábase acotío El Correo Español de Bilbao e semanalmente, a Hoja del Lunes da mesma capital, onde eu podía atopar todo sobre os leóns.
Daquela, o meu porteiro preferido era Iribar, todo un mito para min, máxime cando, malia que se retirou en 1980, cando eu xa tiña trece anos, non tiven moitas ocasións de velo xogar, pois entón só se retransmitía por televisión un partido de Liga á semana (sempre os domingos) e, xaora, do Athletic só de cando en vez. Por suposto, tamén estaban Reina –o gardameta do meu Atlético–, Artola –do Barcelona–, Esnaola –do Betis–, Superpaco –do Sevilla– e Urruti –primeiro na Real Sociedade e logo no Español–, pero desde 1976 o porteiro da selección española era Miguel Ángel, do Real Madrid, e axiña desenvolvín unha grande admiración por el.
Engaiolábanme as súas palomitas, tan incribles como estéticas. A máis famosa foi a que fixo no Mundial de Arxentina, de 1978, fronte a un disparo do austríaco Kreuz que semellaba xa gol. Miguel Ángel era un porteiro baixo para os cánons de hoxe –medía 1,74 metros–, mesmo para os que comezaban a estilarse a finais dos anos 70, pero tiña unha axilidade abraiante, tanto que desde moi cedo foi alcuñado, con razón, como “o Gato”.
Cando cheguei a Galicia para vivir e traballar a principios dos anos 90, descubrín con emoción que meu querido porteiro era galego, de Ourense, o que me encheu de satisfacción e fachenda na miña calidade de galego de adopción.
Agora sorprendeume a súa prematura morte, con só 76 anos, francamente poucos para a esperanza de vida actual. Morreu de esclerosis lateral amiotrófica (ELA), esa enfermidade dexenerativa de tipo neuromuscular que semella cada vez máis habitual. Sorprendeume porque Miguel Ángel anunciara que a padecía hai só pouco máis dun ano. Se cadra xa viña sufríndoa desde moito antes, aínda que non creo, porque non hai moito que o vin entrevistado nun vídeo e estaba fenomenal. En calquera caso, quedo coa sensación de que o seu ELA avanzou moi rapidamente, o que contrasta con outros casos tan mediáticos como o do físico Stephen Hawking e o do tamén porteiro de fútbol Juan Carlos Unzúe.
Descanse en Paz Miguel Ángel González (ese era o seu apelido, aínda que para os amantes do fútbol el era só Miguel Ángel), que tanto me fixo gozar de neno coas súas paradas. O mellor porteiro que vin nunca ou, polo menos, así é como hoxe mo quere presentar a miña memoria.