Libros usados
Acaban de abrir no meu barrio, a un paso da miña casa, unha tenda de compra-venda de libros usados; unha desas que antes se chamaban librarías de vello. É a segunda que abren na zona en pouco tempo. Ademais, en todo Vigo, onde vivo, téñense aberto algunhas máis nos últimos anos.
Alégrome de que os libros poidan ter unha segunda vida. Agora non é fácil doar un libro a unha biblioteca. Non chos queren. Lembro que, como excepción, hai uns anos a biblioteca Juan Compañel aceptoume un lote de catro ou cinco, pero só porque estaban escritos en inglés e francés, e aínda tiña poucos neses idiomas. Por certo que non eran meus, senón dunha amiga que pensaba en tiralos. Doar –ou mellor vender– un libro vello a unha destas tendas semella, xa que logo, unha boa opción. Son dos que cre que un libro, por vello e lido que estea, nunca debe ser tirado ao lixo. Coma a comida. Tirar o pan é pecado, dicianme de cativo. E créoo. Tirar o pan e tirar un libro. Pecados os dous.
Así que doar ou vender un libro a unha libraría de vello é unha boa solución, repito. Pero non é doado desfacerse dun libro, por vello e lido que estea, como digo. Un acaba por amalos. Pasa con eles o que nos dicía o meu profesor de Lingua e Literatura de BUP para prohibirnos deixar o dicionario a un compañeiro que o esquecera (cando faciamos comentarios de texto cumpría levar o dicionario á clase): “O dicionario é intransferible, coma a moto e a muller”. Si, os libros son dificilmente transferibles. Podemos regalar un libro novo, pero desfacernos dun noso ao que temos agarimo é outra cousa. E xa se sabe: quen deixa un libro a un amigo, perde o libro e o amigo.
Si, definitivamente, vender un libro a unha tenda de libros de segunda man é unha boa opción, pero tampouco é fácil. A inmensa maioría delas só os compran ao peso. Por exemplo, a nova libraría de vello que acaban de abrir ao carón da miña casa paga apenas vinte e cinco céntimos de euro por quilogramo. Se calculamos un peso medio duns trescentos gramos por libro, iso quere dicir que unicamente nos darán vinte e cinco céntimos por tres libros, isto é, menos de dez céntimos por cada un. Desde logo, é un negocio ruinoso para o vendedor e fabuloso para o comprador, máxime se temos en conta que nesta tenda da que falo non venden, agás excepcións, ningún exemplar por menos de catro euros. É dicir, pagan dez céntimos por un libro e véndeno a catro euros, corenta veces máis caro.
Nos últimos tempos, como digo, proliferan as tendas de compra-venda de libros usados. Non deixan de abrirse novas e non me estrañaría nada que calquera día monten outra en Vigo. Talvez eu mesmo, visto o negocio.