Deus creador
Sempre pensei que o universo e a vida non podía ser obra máis ca dun Deus creador, pero non pola miña fe católica (esa levoume a crer nun Deus persoal), senón simplemente usando o meu maxín. Creo que a razón humana é quen, por si soa, de chegar a esa conclusión. Pretender que o universo e a vida proceden do puro azar paréceme un insulto á intelixencia. Por iso mesmo, sempre pensei tamén que os que mellor saben da máis ca probable existencia dun Deus creador son os científicos.
Pero o que non sabía, e acabo e descubrilo lendo o libro Dios. La ciencia. Las pruebas. El albor de una revolución, de Michel-Yves Bolloré e Olivier Bonnassies, é que hoxe, desde hai apenas catro décadas, existen por fin as probas científicas que demostran non sei se a existencia dese Deus creador, pero si a imposibilidade matemática da súa única alternativa posible: que o universo e a vida fosen obra da materia e, xa que logo, do puro azar.
Había case un ano que tiña o libro na casa, xa que mo regalaron na pasada festividade dos Reis Magos, pero dábame preguiza lelo porque son iso que se chama un home “de letras” e pensaba que me ía resultar aburrido e difícil de entender. Pero non, todo o contrario. Fascinoume.
Como se explica no texto, durante varios séculos, desde Copérnico, os sucesivos achados científicos parecían ir en contra da fe, mais na segunda metade do século XX asistimos ao devalo desa tendencia. Michel Denton, exdirector do Centro de Xenética de Sidney e profesor de Bioquímica na Universidade de Otago (Nova Zelanda), exprésao aínda con máis claridade: “A ciencia, que durante 400 anos parecía a grande aliada do ateísmo, converteuse, neste final do segundo milenio, na defensora da fe antropocéntrica”. E é que desde as derradeiras décadas da pasada centuria –as descubertas das que estou a falar teñen menos dunha xeración–, existen probas científicas, tanto astronómicas como biolóxicas, que apuntan á máis ca probable existencia dun Deus creador e a, como digo, á práctica imposibilidade de que a materia e o azar orixinasen o universo e mais a vida.
Cales son esas probas? Por un lado, os descubrimentos de que o universo tivo un inicio –o Big Bang– e terá un final –a morte térmica–, de que está en expansión e de que existe unha serie de “axustes finos” nas súas leis e constantes que fixeron posible a vida. E por outro, o achado da complexidade do ADN e da menor célula viva, que fan case que imposible o paso do inerte ao vivo só polo puro azar.
O máis relevante de todo, ao meu parecer, é que por primeira vez os científicos puideron calcular matematicamente a probabilidade de que todos estes acontecementos descubertos fosen froito do puro azar, e ese cálculo redúcese practicamente a cero, é dicir, a unha cantidade infinitesimal que apenas se diferencia do cero. Vexamos algúns datos tirados do libro que así o sinalan:
A precisión do índice de expansión inicial do Universo é comparable á precisión que precisa un arqueiro para cravar unha seta nun albo cadrado dun centímetro de lado colocado ao outro lado do universo, a 15.000 millóns de anos luz.
A constante que regula a curvatura do universo para manter a súa estabilidade equivale a 0 seguido dunha coma e de 122 ceros ata atopar por fin unha cifra non nula no rango 123.
A maioría das constantes están axustadas ao 1%, ou sexa, que se se lles cambia un 1% caése nunha catástrofe, pero a constante cosmolóxica está axustada cunha precisión de 1 sobre 10120.
Ao principio do universo, para que poida existir a química que permite a vida, a relación entre a forza electromagnética e a forza de gravitación debeu estar axustada cunha precisión do 1/1040. Para dar unha idea desta precisión, imaxinemos que cubramos toda superficie de Rusia con pequenas moedas; despois, que construamos montóns de moedas sobre todo o territorio ata unha altura equivalente da distancia que nos separa da Lúa. Agora tomemos mil millóns de sistemas coma este; pintemos unha única moeda de vérmelo, tapemos os ollos dun amigo e pidámoslle que atope a moeda en cuestión ao primeiro intento. A probabilidade de que dea con ela é da orde de 1/1040.
Hai tantas probabilidades de que a vida xurdise por azar como de que un tornado que varra un depósito de chatarra monte un Boeing 747 a partir dos materiales que alí se atopan.
A probabilidade de que a vida puidese formase a partir de materia inanimada corresponde a unha cifra con 40.000 ceros antes do 1.
A selección natural tería que explorar 1,4 x 1070 códigos xenéticos diferentes para descubrir o código xenético universal que existe na natureza.
Para que unha célula se forme polo só efecto do azar, polo menos un cento de proteínas funcionais terían que aparecer asemade no mesmo lugar. Cada un deses acontecementos independentes ten unha probabilidade que non pode superar a de 1 sobre 1020; a probabilidade máxima, polo tanto, é de 1 sobre 102000.
Como se ve, a hipótese do puro azar vese refutada pola súa propia linguaxe, a do cálculo de probabilidades, ata facer do materialismo unha crenza irracional, unha superstición.
O libro inclúe testemuños de científicos ateos que, ante a evidencia, agora cren na probabilidade dun Deus creador e doutros, como Stephen Hawking, que, sen renunciar ao seu ateísmo, recoñecen que hai cousas incomprensibles.
Eu no teño dúbida ningunha de que o universo e mais a vida foron creados por unha intelixencia divina, pero decidan vostedes por si mesmos. Iso si, deixen a un lado ideoloxías e dogmas, mesmo os católicos. Aquí non estamos a falar dun Deus persoal, senón do supremo arquitecto do universo.