O Ano Castelao

A Xunta de Galicia declarou 2025 o Ano Castelao, co gallo do setenta e cinco aniversario do pasamento do pai do nacionalismo galego, finado en 1950. Durante os vindeiros doce meses vanse celebrar numerosos actos de homenaxe ao autor de “Sempre en Galiza”, organizados polo Goberno autonómico e outras institucións.

A Xunta de Galicia declarou 2025 o Ano Castelao, co gallo do setenta e cinco aniversario do pasamento do pai do nacionalismo galego, finado en 1950. Durante os vindeiros doce meses vanse celebrar numerosos actos de homenaxe ao autor de “Sempre en Galiza”, organizados polo Goberno autonómico e outras institucións. O programa comezou o pasado 7 de xaneiro en Compostela, na igrexa de San Domingos de Bonaval –onde descansan os restos do rianxeiro-, cun acto convocado pola Fundación Castelao, o Consello da Cultura Galega e o Museo do Pobo Galego.

O Ano Castelao debería servir para unir todos os galegos arredor da figura do galeguista, mais arrancou xa con división, pois, malia asisitir ao primeiro acto a través da persoa da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, o BNG non tardou en presentar o seu propio programa paralelo en homenaxe ao autor de “Cousas”, baixo o lema “Castelao nacionalista”. Ademais, anunciou que presentará unha iniciativa para que o Parlamento autonómico lle considere de forma oficial e legal o primeiro presidente do país, xa que foi presidente do Consello de Galicia no exilio ata a súa morte. Un nomeamento moi discutible, por certo, pois o valor do Consello foi máis ca nada simbólico: os catro deputados que o constituían non tiñan a maioría dos votos dos galegos nas eleccións ás Cortes Generales de 1976.

Na súa información sobre ese primeiro acto do Ano Castelao celebrado en Santiago o 7 de xaneiro, a TVG cometeu un estraño lapso e afirmou que o Bloque non asistira, polo que tivo que se desculpar logo. O lapso –ou o que for– supuxo máis ca unha anécdota: o preludio dun novo enfrontamento entre a Xunta e o PP, por un lado, e o BNG (e probablemente o PSdeG), por outro, arredor da figura do rianxeiro, por ver quen dos dous pode tirar máis partido dela. Dito máis claramente: este ano, tanto o PP como o Bloque, secundado seguramente polo PSdeG, vanse lanzar coma voitres sobre os despoxos do político e humorista dunha maneira que nos resultará noxenta a todos menos a eles.

Pero isto non resultará nada novo. Nesta mesma sección, publiquei outro artigo en que, a raíz de ver un día no escaparate dunha tenda de Vigo unha figuriña de Castelao cun carteliño que dicía “vendido”, reflexionaba eu que o galeguista non se vendeu nunca, a diferenza de tantos outros políticos, pero moitos si que o teñen tentado secuestrar. Por suposto, o PP desde o poder. Lembro a Fraga dicir varias veces que, se vivese, Castelao aplaudiría o seu Goberno. Unha frase canto menos temeraria, tendo en conta que, sendo ministro de Franco, o logo presidente da Xunta significouse máis dunha vez por reprimir a defensa da memoria do seu paisano.

Pero tamén o BNG. Non estou nada certo de que Castelao votaría hoxe polo Bloque. Creo que entre o provincialismo de Faraldo, o rexionalismo de Murguía e de Brañas, e o nacionalismo do Partido Galeguista e de Castelao había unha continuidade que se quebrou co novo nacionalismo de esquerda representado pola UPG e logo polo BNG.

O caso máis claro e lamentable de intento de secuestro de Castelao polo Bloque tivo lugar en 1984 co gallo do traslado de Bos Aires a Compostela dos restos do autor de “Cousas” para o seu soterramento definitivo no Panteón dos Galegos Ilustres. Malia que foi unha decisión unánime do Parlamento autonómico e promovida por un nacionalista de esquerdas como Camilo Nogueira, ao Bloque non lle pareceu ben, porque seica a democracia e a autonomía das que xa gozaba Galicia non eran abondas para colmaren as aspiracións daquel que deixou dito que lle gustaría ser soterrado en Galicia cando esta volvese ser libre. O certo é que organizou un espectáculo vergoñento do que se laiou mesmo a irmá de Castelao, Teresa. Pero que importaba o que pensase a familia do rianxeiro. Doutores ten o nacionalismo.

Uns anos antes, Celso Emilio Ferreiro –un dos fundadores da UPG– escribira aquel poema titulado “Olla meu irmao” e musicado por Miro Casabella que comeza cos significativos versos “Olla meu irmao honrado o que acontece con Daniel: / os que o tiñan desterrado agora falan ben del”, e que ten como mensaxe central unha clara advertencia dos nacionalistas aos seus adversarios políticos: “Castelao nunca foi teu, porque Castelao é noso”. Unha afirmación que me recorda ao “Non, bonita, non” co que Carmen Calvo, daquela vicepresidenta do Goberno español, negou no seu día a condición de feministas a todas aquelas mulleres que non son socialistas.

En fin, que non só os autonomistas sobrevindos aos que se dirixía o poema de Celso Emilio, encarnados hoxe no PP, senón tamén os novos nacionalistas de esquerda, xordidos a mediados dos anos 60 e reunidos actualmente no BNG, teñen tentado secuestrar ao autor de “Sempre en Galiza”. Moitos –aquí e alá, de dereitas e de esquerdas, nacionalistas e non nacionalistas– presumen de admiralo e mesmo de seguilo. Pero, como reza o dito, “dime de que presumes e direiche de que careces”. Se lles aplicamos o conto, poida que atopemos entre eses moitos “admiradores” a bastantes secuestradores.

Mellor fariamos todos se parásemos de tentar facer noso a Castelao e lle deixásemos ser libre, del mesmo, ou, como di outro famoso poema ­–“Libre te quiero”, de Agustín García Calvo, marabillosamente cantado por Amancio Prada–, nin sequera seu: “Libre te quiero / como arroyo que brinca / de peña en peña, / pero no mía. / (…) / Pero no mía, / ni de Dios ni de nadie, / ni tuya siquiera”. Quérote libre, Castelao.