Unha quincena de cadeas hoteleiras nacionais e internacionais foron ao Centro Superior de Hostelería a seleccionar alumnos para as súas prácticas e programas de desenvolvemento de directivo
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou hoxe na cerimonia de fin de grao de máis de 40 alumnos do curso de Diploma de Xestión de Empresas Hoteleiras, impartido no Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG), onde salientou a “gran contribución” que está a ter o centro “á hora de fortalecer o turismo en Galicia con profesionais moi ben preparados e cualificados”, explicou.
Durante o acto puxo de manifesto a importancia do modelo levado a cabo no centro “onde a formación práctica é unha das importantes claves do éxito”. Neste sentido, agradeceu ás cadeas hoteleiras e empresas turísticas a súa confianza no alumnado do centro, como o Grupo Iberostar que foi o padriño desta promoción e estivo representado con Javier Muñoz, o seu director xeral de Operacións de Europa, Oriente Medio e África.
Como dixo, o ano pasado foron ao Centro Superior unha quincena de cadeas hoteleiras nacionais e internacionais a seleccionar alumnos para as súas prácticas e programas de desenvolvemento de directivo e “hai alumnos que chegan a ter máis de 10 ofertas de prácticas de 10 compañías diferentes tanto nacionais como internacionais, co que o alumno pode elixir con quen vai desenvolver o seu futuro profesional”, expresou. Ao tempo indicou que o 90% do alumnado continúa cun plan de carreira da propia empresa onde fixo parte das súas prácticas.
Xosé Merelles fixo mención á importancia de que hai dous anos, e grazas ao apoio constante da Universidade de Santiago de Compostela, se imparte o grao en Xestión de Empresas Hotaleiras con dúas especialidades: dirección hoteleira e gastronomía. “É a constatación de que evolucionamos pero sen cambiar a esencia xa que seguimos formando bos profesionais que se axustan ás necesidades do sector e hai unha empregabilidade que ronda o 96%”.
Salientou a “visión integral” da formación do centro dos negocios hostaleiros dentro da industria hoteleira, restauración, agroalimentaria, eventos e turismo en xeral e tamén a aposta pola innovación e a formación constante buscando a reciclaxe dos traballadores en activo. Por iso ten un plan de formación anual para os profesionais do sector turístico, emprendemento e dixitalización que vén funcionando nos últimos anos.