O xeodestino turístico Ría de Vigo e Baixo Miño vai ser representado en FITUR por Nidia Arévalo
Na reunión celebrada en Tomiño o pasado luns, 13 de xaneiro, a alcaldesa de
Mos, Nidia Arévalo, foi elixida como representante institucional do xeodestino
turístico Ría de Vigo e Baixo Miño durante o ano 2020.
Cada ano será elixido un alcalde dos 14 concellos integrantes do
xeodestino, e este ano será a alcaldesa de Mos a representante oficial,
ostentando este cargo que ten unha duración e relevo anual.
A primeira intervención de Nidia Arévalo como representante deste cargo
institucional será o vindeiro 22 de xaneiro en FITUR. Data na que, ás 18.00
horas da tarde, presentará o produto turístico histórico do xeodestino Ría de
Vigo e Baixo Miño, co título de marca: ‘Benvidos ao primeiro reino medieval de
Europa’.
Os 14 concellos que abrangue este xeodestino son A Guarda, Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Mos, Nigrán, O Porriño, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Redondela, Soutomaior, Tomiño e Tui. Municipios acudirán a vindeira semana a Madrid para arroupar ao proxecto durante a presentación oficial do seu primeiro produto na Feria Internacional de Turismo, FITUR, un dos tres principais encontros do sector turístico de Europa e un grande escaparate no que dar a coñecer o proxecto.
A reunión celebrada no Salón de Plenos do Concello de Tomiño o pasado luns
13 congregou aos 14 alcaldes e alcaldesas, así como de técnicos e concelleiros
de todos os municipios que abrangue o xeodestino, para coñecer de primeira man
a versión definitiva do Plan Estratéxico e os produtos turísticos e o material
que servirá en FITUR de primeiro contacto coas futuras persoas visitantes do
territorio. Esta reunión contou coa presenza de Sandra González, anfitriona,
alcaldesa de Tomiño e presidenta da Asociación de Desenvolvemento Galicia
Suroeste Eurural, entidade que dirixe o xeodestino; Antonio Lomba, alcalde de A
Guarda; Carlos Gómez, alcalde de Baiona; Emiliano Lage, alcalde de Fornelos de
Montes; Francisco Ferreira, alcalde de Gondomar; Nidia Arévalo, alcaldesa de
Mos; Juan González, rexedor de Nigrán; David Alonso, concelleiro de O Porriño;
Ánxela Fernández, alcaldesa do Rosal; Cristina Correa, alcaldesa de Oia; Andrés
Iglesias, alcalde de Pazos de Borbén; Digna Rivas, alcaldesa de Redondela;
Agustín Reguera, rexidor de Soutomaior e Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui.
Durante a reunión as e os representantes dos municipios debateron tamén
cuestións relacionadas coa adenda de convenio de colaboración entre Eurural e
os Concellos.
PROXECTOS COMÚNS
Ría de Vigo e Baixo Miño é un xeodestino de referencia tanto no eido
patrimonial, con 64 Bens de Interese Cultural, como no natural, contando cun
dos seis Parques Naturais da comunidade galega, situándose no ámbito de
influencia do Parque Nacional das Illas Atlánticas e con outros 11 espazos
naturais baixo diferentes figuras de protección. Todo isto sen esquecer as súas
10 festas declaradas de interese turístico (entre elas a Festa da Rosa de Mos,
de Interese Turístico de Galicia). Unha ampla variedade de recursos que
conviven no territorio que ocupa o xeodestino que facilitan a articulación de
futuros produtos turísticos.
Trátase dunha área xeográfica estratéxica con varios aeroportos situados a
poucos quilómetros e cun marcado carácter transfronteirizo que facilita a
captación de turistas internacionais. E é que con 500.000 pernoctas en 2018, a
Ría de Vigo e Baixo Miño xa se sitúa como o segundo xeodestino de Galicia en
volume de demanda hoteleira, soamente por detrás da Ría de Arousa.
A pesar das diferentes realidades municipais que se viven nos 14 concellos
do xeodestino, coa definición e posta en marcha do plan estratéxico búscase
abrir as portas a unha xestión turística unificada, optimizando recursos
estruturados e organizados, poñendo en marcha medidas que faciliten a creación
e comercialización de produtos turísticos diferenciados.