Novo sistema de medición do número de peregrinos a través de teléfonos móbiles con wifi ou bluetooth
O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, participou hoxe no albergue de Ribadiso na presentación dunha experiencia piloto para poñer en marcha un sistema de medición do número real de peregrinos complementario ás estatísticas de Compostelas seladas na Oficina de Acollida ao Peregrino. O novo método pretende realizar a medición a través de teléfonos móbiles con wifi ou bluetooth instalados en determinadas zonas, neste caso en puntos estratéxicos do Camiño Francés, a ruta xacobea máis transitada e que concentra máis da metade da afluencia.
Deste xeito, pódese coñecer a concentración de persoas na zona de cobertura do dispositivo e o número de persoas atraídas polo Camiño de Santiago, xa que como explicou Alfonso Rueda, hai máis peregrinos que fan a ruta e non selan a Compostela ou mesmo non chegan a Santiago e, por tanto, non figuran nas estatísticas. Por exemplo, porque por distintas circunstancias, realizan o Camiño por etapas ou só algúns tramos.
Ao acto tamén asistiron a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, así como representantes do Cluster Turismo de Galicia e das asociacións de amigos do Camiño de Santiago.
Por outra parte, en canto ás Compostelas rexistradas no que vai de ano e, sobre todo nas últimas semanas, estanse a superar todas as expectativas por riba das cifras prepandemia e acadando datos históricos neste Xacobeo 21-22. Xa están a chegar arredor dun milleiro de peregrinos por día e, de feito, onte selaron a súa credencial 1.600, o máximo diario en todo 2022 e por riba tamén dos contabilizados en todo o mes de xaneiro.
Desde comezos de ano xa se superaron os 20.700 camiñantes, a cifra máis alta neste mesmo período en toda a historia do Camiño e do Xacobeo. Así, superáronse os rexistros de xaneiro a mediados de abril tanto fronte ás máis de 18.600 Compostelas no ano récord de 2019 como ás máis de 19.100 do anterior Xacobeo 2010.
As estatísticas amosan que se están rebasando as cifras prepandemia, xa que as máis de 9.700 Compostelas desta primeira metade de abril son sete veces máis que as pouco máis de 1.200 contabilizadas entre xaneiro e todo o mes de abril de 2021. Ademais, estase a percibir a reactivación da peregrinación internacional e case o 46% dos peregrinos chegados a Santiago desde xaneiro proceden doutros países. Destaca Portugal, que representa máis dun 8%, seguido de Alemania, Estados Unidos, Italia, México, Francia ou Reino Unido.
O vicepresidente primeiro incidiu que a maior afluencia no Camiño de Santiago tamén é un bo termómetro para mediar as boas perspectivas turísticas para a Semana Santa, na que se prevén ocupacións entre o 60% e o 80%, mesmo superiores en zonas como Santiago de Compostela, Ferrol ou Viveiro, Ribeira Sacra e Ourense, e condicionadas á meteoroloxía e ás reservas finais para os días festivos desde hoxe.