Nava Castro salienta en Monforte o investimento de 3 M€ que a Xunta realizará en 2020 no Camiño de Inverno
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, salientou hoxe os 3 millóns de euros que a Xunta investirá en 2020 no Camiño de Inverno, un investimento que permitirá reforzar o mantemento, sinalización e promoción deste itinerario que está chamado a ocupar un papel cada vez máis destacado.
Nava Castro fixo estas declaracións durante a presentación do terceiro número de Via Jacobitana. Camiño de Inverno, a publicación editada pola Asociación Camiños de Santiago pola Ribeira Sacra na que participan numerosos historiadores, arqueólogos, xornalistas, escritores, entre outros, para dar a coñecer os diferentes aspectos patrimoniais que vertebran o Camiño de Inverno.
A directora de Turismo puxo de manifesto o traballo de colectivos como este que, como indicou, coa posta en marcha de iniciativas divulgadoras “dan resposta ao compromiso de Galicia co mantemento e conservación do Camiño de Santiago, un dos nosos recursos máis valiosos” e animoulles a traballar unidos polo desenvolvemento desta ruta, a única que percorre as catro provincias da Comunidade.
Nava Castro lembrou tamén que o investimento que a Xunta realizará o ano próximo dá continuidade aos traballos emprendidos nos últimos anos nos que, como indicou, o Goberno galego vén promovendo xa un reforzo da sinalización coa que contaba o Camiño de Inverno, de carácter provisional, para dar así máis seguridade aos peregrinos.
Finalmente, tamén se referiu ás cifras de peregrinos no Camiño de Inverno nas que tamén se reflicte xa a influencia do seu recoñecemento oficial e que está mantendo unha tendencia ascendente. Ata principios de decembro, este itinerario foi escollido por máis de 1000 peregrinos, o que supón un 50% máis que hai un ano.Imaxes relacionadas